ConcellosÚltima hora

O Consello da Xunta autoriza a sinatura do novo convenio cos GES, que estará vixente ata o 2027

 

O Consello da Xunta vén de autorizar hoxe a sinatura do convenio entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; a Consellería do Medio Rural; a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra para colaborar no desenvolvemento dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

“O convenio estará vixente durante os anos 2025, 2026 e 2027 e conta cun orzamento total de 32,16 millóns de euros. Este montante está financiado nun 52,5 % polo Goberno autonómico, nun 40 % polas deputacións provinciais e nun 7,5 % polas entidades locais. Neste sentido, o investimento anual para garantir o correcto funcionamento deste convenio ascende ata os 10.720.000 euros. Cabe sinalar que este convenio vén prorrogándose desde o ano 2013. Grazas a este convenio poderase complementar o mapa de emerxencias de Galicia, facilitando a participación dos GES en tarefas de prevención de incendios e a colaboración na extinción de incendios forestais”, tal e como indica a Xunta.

Esta acción, prosegue o goberno galego, lévase a cabo ao considerar que o traballo dos grupos de emerxencia supramunicipais contribúe “a mellorar as condicións xerais de seguridade das persoas e das súas propiedades en situacións de risco. Así, seguirán desenvolvendo un servizo público en materia de emerxencia, protección civil e prevención de lumes”.

Os grupos teñen competencias para intervir en incendios, tanto urbanos como forestais; para definir, manter a rede de faixas de xestión da biomasa ou investigación da propiedade. Ademais, poderán levar a cabo prácticas “para crear descontinuidades verticais e horizontais na cuberta vexetal e seguirán realizando actuacións de prevención da vespa velutina. Poderán intervir en situacións de risco ou emerxencia para manter a rede de estradas, mediante a súa limpeza e retirada de obxectos, especialmente no caso de accidente. Tamén terán competencias para actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos”, indica Xunta.

En definitiva, os GES poden intervir en calquera materia de protección civil, emerxencias e ambiente, servizos sociais, culturais, educativos e deportivos e outras de competencia municipal, vinculadas a unha situación emerxencia ou prevención desta, ou calquera actuación necesaria para resolver unha situación de urxencia e interese público.

Back to top button