ConcellosÚltima hora

O Consello da Xunta avalía un informe sobre a redacción do proxecto de mellora da OU-533, entre Viana e A Gudiña

A Xunta prevé aprobar provisionalmente o proxecto de trazado a finais deste ano ou principios de 2026, para sometelo á información pública

 

O Consello da Xunta avaliaba na súa reunión de hoxe un informe sobre a redacción do proxecto de trazado para o acondicionamento da estrada OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo, que suporá un investimento superior aos 15,2 millóns de euros.

“A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia galega de infraestruturas, está a avanzar xa na supervisión do proxecto de trazado elaborado tras o estudo previo realizado nesta estrada, que identificou os treitos prioritarios de actuación”, segundo a Xunta.

A OU-533 ten unha lonxitude de algo máis de 50 quilómetros, comunicando a N-525 na Gudiña coa N-120 na Rúa. O citado estudo propoñía o acondicionamento da OU-533 ata conseguir uns parámetros de trazado homoxéneos, mellorando os actuais e permitindo unha condución cómoda, segura e axeitada á velocidade establecida de 90 km/h.

En concreto, o treito obxecto dos traballos de redacción que avaliou hoxe o Goberno galego correspóndese co treito prioritario determinado no estudio previo, e que se corresponde co tramo da OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo. O obxectivo é actuar nesta zona, de 15 quilómetros de lonxitude, na que practicamente non se poden realizar adiantamentos.

Para acadar este obxectivo no proxecto, o departamento de Infraestruturas da Xunta proponse executar unha actuación integral de acondicionamento na OU-533, neste treito comprendido entre A Gudiña e Viana do Bolo, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, incrementar a capacidade e facilitar os adiantamentos nesta vía e de importancia estratéxica para o sur da provincia de Ourense.

Así, deséñase un novo trazado sobre a base da estrada actual, realizando a mellora de interseccións, e habilitando carrís adicionais de adiantamento. Coas actuacións propostas auméntanse os tramos con terceiros carrís de adiantamento, pasando dunha lonxitude actual total de 760 metros en sentido crecente (sentido A Rúa) e 600 metros en sentido decrecente (sentido A Gudiña), a unha lonxitude futura de 2.600 metros en sentido crecente e 4.460 metros en sentido decrecente. Para elo constrúense novos carrís adicionais, que son os seguintes: en sentido Viana, do pq 0+380 ao pq 1+330 (950 m); e en sentido A Gudiña, do pq 2+730 ao pq 6+830 (4.460 m).

Ademais de nestes carrís adicionais, debido á mellora do trazado tamén aumenta a lonxitude con posibilidade de adiantamento. O proxecto propón un treito de actuación de especial intensidade, cunha variante de trazado entre os puntos quilométricos 5+000 e 7+100, resultando unha nova plataforma duns 1.250 m de lonxitude, é dicir, reducirase a lonxitude en algo máis de 700 metros deste treito de estrada.

En canto á seguridade viaria, mellórase a seguridade de 8 interseccións nas que se proxecta a disposición de novos carrís centrais de espera. Ademais, configúrase en 6 dos casos a intersección para que se poida realizar un cambio de sentido con seguridade.E, finalmente, previse a extensión dunha nova capa de rodaxe en toda a plataforma da estrada (calzada + beiravías), renovando por completo o pavimento do tramo de proxecto.

A Xunta ten como obxectivo aprobar provisionalmente o proxecto de trazado a finais deste ano ou principios de 2026, para sometelo á información pública.

Back to top button