
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de incoar o procedemento para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) o conxunto de adegas cova de Seadur (Larouco). Así se plasma na resolución que este departamento autonómico publicaba onte no Diario Oficial de Galicia.
No texto da resolución sinálase que o “conxunto de adegas cova de Seadur localízase ás aforas do lugar homónimo, ao nordeste do concello de Larouco. Trátase dun grupo compacto de edificacións, distribuídas nunha estrutura viaria de rúas e camiños que responde ao modelo tradicional de asenta-mento nese ámbito”.
Así mesmo precísase que neste conxunto pode chegar a distinguirse ata 81 adegas e covas que se agrupan en diferentes tipoloxías, “mais que presentan unha forma moi semellante. A simple vista, as adegas son edificacións rústicas de fábricas e cubertas tradicionais que manteñen a escala e a tipoloxía uniforme. Porén, no interior dalgunhas das edificacións existen cavidades escavadas no terreo, en que se abren corredores soterrados, sustentados con bóvedas e arcos de distintos materiais, que conforman o volume principal da cova. En áreas aparta-das xorden solucións máis simples, covas ás cales, a través dunha única porta, se accede ao espazo soterrado de dimensións variables”.
Na resolución incídese en que “este gran núcleo mantén intacta a autenticidade”, asegurando que son “escasas as afectacións producidas polo uso de materiais modernos sen revestir o ou pola modificación de alturas e volumes”. Tamén se recoñece que as covas son un tipo de construción que “fundamentalmente en Galicia se atopan nas terras de Valdeorras e o conxunto de adegas cova de Seadur é un elemento representativo sobranceiro delas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que é merecente de ser declarado ben de interese cultural”.
Neste senso, a Consellería de Cultura resolve “incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural inmoble, na categoría de lugar de valor etnolóxico, co nivel de protección integral, o conxunto de adegas cova de Seadur”, conforme a descrición e delimitación recollidas nos anexos da citada resolución, e proceder cos trámites para a súa declaración.
Ademais esta resolución sinala que nese conxunto se aplica “de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a LPCG para os bens de interese cultural. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido”.