EconomíaEconomíaÚltima hora

O delegado da Xunta en Ourense visita o Pazo da Pena (Manzaneda)

 

Ata o concello de Manzaneda desprazábase esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, para, acompañado do seu alcalde, Amable Fernández, visitar a casa de turismo rural ‘Pazo da Pena Manzaneda’, unha das 20 empresas turísticas ourensás beneficiarias da convocatoria de axudas a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, nas que a Xunta destinou preto de 200.000 euros para a ampliación da capacidade deste establecemento hoteleiro.

O delegado territorial puxo énfase nos preto de 2M€ que o Goberno galego, a través da Axencia de Turismo de Galicia, destinou á provincia de Ourense para fomentar o turismo enogastronómico con medidas que sufragarán o embelecemento de establecementos de aloxamento, restauración e adegas, a posta en marcha de proxectos dixitais vinculados a recursos enogastronómicos ou a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento para este tipo de turismo.

Esta orde de axudas ten tres liñas de actuación. A primeira conta cun orzamento de 2.610.000 euros e impulsará a adecuación e embelecemento de establecementos turísticos (hoteleiros ou de restauración) para a posta en valor de servizos de enoturismo (servizos específicos de adega, actividades dirixidas ao coñecemento e divulgación de todo o relacionado co viño, elaboración, degustación…).

A segunda liña, con 590.000 euros, sufragará proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración que poñan en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos e favorezan a visita (conectividade, uso de aplicacións móbiles, realidade aumentada, creación de entornos de realidade virtual, xogos, visitas virtuais, …). Tamén inclúe o desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao marketing turístico, a personalización, o desenvolvemento de contidos audiovisuais de calidade e o uso de ferramentas interactivas (photocall interactivo, carteleira interactiva, …).

A terceira das liñas de actuación, de 2.300.000 euros sufragará a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento que impliquen a dotación de novas prazas de aloxamentos, respecto das inscritas no REAT, e que estean vinculados á posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas.

As experiencias deberán incluír entre os seus produtos principais, polo menos, un produto que conte con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade

Axudas de eficiencia enerxética

O delegado territorial lembrou tamén que, no caso deste establecemento, a Axencia de Turismo de Galicia fixo unha achega de máis de 60.000 euros para implementar na instalación eléctrica existente en baixa tensión, unha instalación solar fotovoltaica para autoconsumo sen compensación de excedentes, inxección cero, para producir electricidade de orixe renovable e así reducir o consumo de enerxía convencional.

Manuel Pardo aclarou que entre as actuacións subvencionadas na última orde de axudas, dotada de 330.000 euros, incluíronse a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, das instalacións térmicas, a colocación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, a renovación da iluminación e dos electrodomésticos e a instalacións de sistemas de automatización e control da enerxía. Tamén sinalou que, como norma xeral, a intensidade da axuda foi de ata un 70% do coste total subvencionable do proxecto; aínda que puido chegar ao 80 ou 90% no caso no que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%.

Neste sentido, destacou que como novidades, con respecto a convocatorias anteriores, tamén puideron optar as empresas de restauración, non só as de aloxamento; sufragouse a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), e non se pedía antigüidade mínima dos edificios para rehabilitar, sen demandar tampouco unha exixencia mínima de aforro enerxético, entre outras condicións.

O representante do Goberno galego subliñou que estas axudas enmárcanse na Estratexia de Turismo de Galicia 2030 da Xunta, que ten como obxectivos impulsar a modernización dos establecementos turísticos; afondar na competitividade do sector; e seguir aproveitando o potencial turístico de Galicia dunha forma sostible.

 

Artigos relacionados

Back to top button