O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, daba esta mañá a benvida aos tres novos comisarios que se incorporan ás Comisarías de Vigo-Redondela e Ourense. Xunto ao xefe superior de Policía de Galicia, Pedro Pacheco, o delegado desexoulles sorte e bo traballo para o desempeño das súas novas funcións. Todos eles contan con máis de 20 anos dentro do Corpo Nacional de Policía.
Os novos comisarios son Alberto Vidal Prado, novo xefe da Unidade de Coordinación Operativa Provincial na Comisaría Provincial de Ourense, e Luis Francisco Hombreiro Noriega e Miguel Ángel Díaz Suárez, que se incorporan á Comisaría Local de Vigo-Redondela como xefe da Unidade de Coordinación Operativa Local e xefe da Brigada Local da Policía Xudicial, respectivamente.