Reúne unha trintena de temas tradicionais da zona da Cabreira leonesa, seguindo o ciclo do ano e tendo como punto de partida o Entroido. “N’el arca d’os mieus recuerdos” é o título do primeiro disco do pastor e músico de Pombriego, Edilberto Rodríguez. Vía a luz o pasado verán como un claro homenaxe a tradición e nel, ademais deste mozo, participan cinco integrantes da Asociación Aires del Cabrera: Caterina González, Natalia Otero, Dori Barrio, Rocío Blanco, Ana María García (voces) e Graciela Rodríguez (á gaita).
“Na nosa comarca cada ciclo ten o seu cantar ou a súa canción, entón realicei unha selección dos temas que máis me gustaban ou que consideraba máis representativos de cada época do ano e así cheguei a eses 29. Hai cantares de malla, de sega, das vodas, logo xa os bailes típicos de aquí como a jota, a muiñeira, os corridos… e a maiores fago unha explicación de cada tema”, comenta o músico que, case un ano despois da saída do disco, recollerá un galardón por este traballo: o Premio MT ao Mellor Disco Folk Reino de León, que concede a asociación ArlaFolk. O acto de entrega terá lugar nunha gala prevista para o vindeiro venres no Teatro Reina Sofía de Benavente.
“Este recoñecemento significa o pago polo esforzo que realizamos e o empeño en que este disco saíse adiante. Son moitas as horas que lle dedicamos e a verdade é se trata dun recoñecemento grandísimo e que para nada esperabamos. Nós isto levámolo a cabo simplemente para que se coñecese o noso folclore e o que nos transmitiron os nosos maiores, e iso desde o minuto un, conseguímolo”, explica Edilberto Rodríguez, quen destaca ademais a excelente acollida deste traballo entre o público. “Vendéronse máis de 1.200 CD na Cabrera e fóra dela, foi un dos CD máis vendidos na traxectoria dos premios MT do Reino de León”.
Describe este disco como “unha recompilación de 29 cantares que van percorrendo os ciclos naturais do ano aquí na comarca da Cabrera , dándolle un lugar no folclore leonés a unha comarca tan rica como esquecida en todos os ámbitos, pero sobre todo no cultural. É un rosario de coplas e romances, cantares e bailes saídos do mais profundo da alma e a memoria deste pastor que escribe e como homenaxe aos nosos informantes, os que tanto fixeron por nós e tanto nos ensinaron!! Cantas penas quitou unha pandeireta e unha voz amiga con quen compartir unha copla!!”.
Con moita ilusión agarda o momento de recoller esta distinción, que lle dedica con agarimo “a todas as persoas maiores que nos ensinaron o que sabían e grazas ás que hoxe estamos aquí e, en especial, aos meus avós Elisa e Dictino, porque son quen son grazas a eles”.
Ademais Edilberto adianta parte do que será a súa intervención na recollida deste premio “grazas, grazas e grazas infinitas a todos os que nos valoran, nos aprecian e déronnos un lugar na música tradicional”.
Imaxes cedidas.


