ConcellosÚltima horaViana do BoloVilariño de Conso

O dispositivo de seguridade do Entroido, na Xunta Local de Seguridade de Viana do Bolo

No encontro tamén se sinalaba que Viana e Vilariño de Conso manteñen estabilizadas as cifras de feitos delituosos

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, copresidiron a Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación da seguridade cidadá no municipio, os casos de violencia de xénero, o Plan Director para a Convivencia nos centros educativos e se coordinou o dispositivo de seguridade de cara ás vindeiras celebracións do Entroido 2025.

En canto á seguridade cidadá, na zona de Viana do Bolo e Vilariño de Conso rexistráronse 44 feitos delituosos no ano 2024, a maioría deles vencellados a incendios ou queimas improcedentes ou á ciberdelincuencia. Datos que evidencian que a situación se atopa “estabilizada dende fai anos. Son concellos tranquilos, sen problemas de seguridade”, valorou o subdelegado.

No tocante aos casos de violencia de xénero, en Viana permanecen actualmente activos seis casos, un deles de especial relevancia. Pola súa banda, Vilariño de Conso suma dous casos activos, un deles de risco alto, ao que se lle está facendo un seguimento especial por parte da Garda Civil para garantir a seguridade da muller ameazada. “Non son moitos, pero si que son. Mentras haxa un só caso de violencia de xénero hai que estar alerta e protexer, porque o que está en xogo é a liberdade e a integridade dunha muller”, asegurou Eladio Santos.

Ademais, na reunión tamén se fixo repaso das actuacións preventivas enmarcadas na aplicación do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, co que se traballa na procura de evitar condutas violentas e hábitos aditivos entre os rapaces. Neste senso, a Garda Civil detallou que se realizaron ata o momento 8 sesións no que vai de curso, centradas principalmente na ciberdelincuencia e o uso de redes sociais.

Nesta mesma liña, enmarcada dentro do Plan Maior, tivo lugar unha charla informativa dirixida a persoas maiores, para darlles pautas sobre o uso do teléfono móbil e de prevención de ciberdelitos, debido a que este colectivo está a sufrilos cada vez con maior frecuencia.

Por último, en relación ao Entroido, o rexedor municipal explicou as medidas específicas que aplicará o Concello para garantir a seguridade durante a celebración dos festexos.

Ademais do subdelegado do Goberno e o alcalde, na reunión tamén estiveron presentes representantes da Xunta de Galicia; Garda Civil e Policía Local de Viana do Bolo; a traballadora do CIM do municipio; así como a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button