CulturaCulturaÚltima hora

O documental “Salvaxe, Salvaxe”, do ourensán Emilio Fonseca, chega o 21 de marzo aos cines

O documental, rodado entre Galicia e Portugal coa compaña de científicos/as e investigadores, busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos

 

“Salvaxe, Salvaxe”, a primeira longametraxe do cineasta ourensán Emilio Fonseca, chega ás salas de cine este venres 21 de marzo, despois da premiere co equipo, que terá lugar o xoves 20 nos Cines Cantones da Coruña.

A partir do venres 21 e ata finais do mes de marzo o documental poderá verse en CineBaix (Sant Feliu del Llobregat), Zumzeig (Barcelona), Cines Babel (Valencia), Cines Embajadores Río (Madrid), Círculo de Bellas Artes (Madrid), Cines Manhattan (Valladolid), Duplex Cinema (Ferrol), no Teatro Colón da Coruña dentro da Semana do Cine Galego 2025, Cines A Xunqueira (Cee), Cines Broadway (Valladolid), Auditorio de Ribeira, Códex (Lugo) e Numax (Santiago de Compostela).

O documental, rodado entre Galicia e Portugal coa compaña de científicos/as e investigadores, busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos’Salvaxe, Salvaxe’, do ourensano Emilio Fonseca, chega este venres 21 aos cines. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia e sen necesidade de representalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontro.

“Con Salvaxe, Salvaxe quixen facer unha película para compartir a emoción que me esperta a cohabitación con outras formas de vida”, comenta o seu director, “empecei o proxecto como un documental sobre os lobos do noroeste ibérico, entrevistando a xentes que tiveran contacto con lobos, gandeiros, investigadores. Axiña me dei conta de que non quería facer outra reportaxe sobre os danos á gandería, as medidas de protección do gando e a chamada “xestión” do lobo, cando o único que significa é cantos hai que matar. Tampouco busquei un “típico documental de natureza” no que se espectacularice o drama da vida salvaxe nunha contorna bucólica onde non hai rastro do humano. Non me parece interesante discutir se hai que conservar ao lobo, especie fundamental dos nosos ecosistemas. Para min é urxente coidar esa poboación de lobos e os ecosistemas nos que habitan e tamén axudar a desarticular políticas e discursos contrarios ás vidas non humanas e a evidencia científica”.

 

 

“Salvaxe, Salvaxe” (2024) obtivo recoñecementos en festivais como o de Málaga (Premio mellor documental), FICG Guadalajara (Mención especial Premio Socioambiental), Play-Doc (mellor documental galego), Alcances (Mención especial), Ourense (mellor dirección Galicia) ou Another Way (Premio do público Impacto). Tamén estivo en competición noutros festivais como o Festival de documentais de Tesalónica, Porto/Post/Doc, MajorDocs, Cinespaña Toulouse ou L’Alternativa de Barcelona.

Walkie Talkie Films presenta este proxecto producido por Animala e Xiana do Teixeiro que conta co financiamento do ICAA a través do Goberno de España, a subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a participación da CRTVG e o apoio á distribución da Deputación da Coruña.

Imaxe cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button