OurenseÚltima hora

O empresario mexicano Olegario Vázquez, con orixes en Avión, recolle o Premio Ourensanía 2024

 

Pola súa especial vinculación con Ourense, en particular co concello de Avión, lazos que cobran máis importancia tendo en conta “a súa traxectoria, proxección internacional tanto en México e América como no resto do mundo”, o empresario mexicano Olegario Vázquez Raña recibía este mediodía o Premio Ourensanía 2024. O acto de entrega, que contaba coa asistencia dos presidentes da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e da Deputación de Ourense, Luis Menor; e do presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, entre outras moitas autoridades, desenvolvíase no Teatro Principal da capital da provincia e contaba coas actuacións da Real Banda de Gaitas e da Orquesta Sinfónica “Ourensanía”.

 

 

Olegario Vázquez Raña, que se amosaba emocionado pola distinción recibida, nacía en Cidade de México o 10 de decembro de 1935, tan só dez anos despois de que a súa familia natural do concello de Avión, chegara a este país. A andaina empresarial da familia comezou coa tenda “Almacenes Vázquez”, un comercio que cos anos transformouse no Grupo Empresarial Ángeles, fundado no ano 1998, un dos conglomerados máis importantes e exitosos de México. Na actualidade, o Grupo Empresarial Ángeles que contén as compañías: Hospitales Ángeles, a cadea de hoteis Caminos Real, Grupo Financiero Multiva, a construtora Prodemex e Grupo Imagen, este último un conglomerado de medios de comunicación.

 

 

Durante a cerimonia de entrega do galardón, o presidente da Xunta, poñía en valor hoxe a contribución de toda a emigración, e nomeadamente de empresarios como Olegario Vázquez Raña, á hora de transformar a Galicia nunha terra moderna e con oportunidades para emprender e traballar. “A nova Galicia é un territorio fértil para emprender, traballar e triunfar grazas a esa xente que saíu cando todo estaba máis difícil”.

Apuntaba que “Olegario é un home de mundo que nunca esqueceu as súas raíces; un home Incansable, valente, con valores familiares e gran deportista”, en referencia isto último aos “enormes éxitos” que colleitou na disciplina de tiro olímpico.

O titular do executivo galego valorou como a emigración galega axudou a construír Galicia desde o exterior, ao tempo que tamén se integraban nas súas sociedades de acollida. “El e tanto outros desa Galicia emigrada nos enviaron dende onde estaban traballando duramente a mensaxe que necesitabamos: ‘se nós puidemos nunha terra que nos era estraña ao principio, todo o mundo pode”, subliñou. Neste sentido, puxo en valor o “carácter aberto” da galeguidade que axudou a establecer comunidades fortes e que “busca por enriba de todo a unión”.

 

 

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor enxalzou a “conexión emocional” que supuxo a concesión deste galardón, nomeadamente a conexión que vincula á provincia coa emigración: “Ourense é unha provincia emigrante e Olegario Vázquez Raña exemplifica a audacia, o esforzo, o sacrificio e o traballo daqueles que se viron obrigados a deixar a súa terra para buscar un porvir; e aínda atopándoo, nunca esqueceron as súas raíces”.

 

 

Por iso, e porque é difícil atopar a unha persoa en Ourense que non teña vínculos coa emigración, “é polo que o Premio Ourensanía deste ano conecta co máis profundo da idiosincrasia ourensá”, expresou o presidente provincial, quen abundou en que a través de Olegario Vázquez Raña, “facemos partícipes deste premio aos milleiros de galegos na diáspora e que desde outros lares contribuíron a manter viva a nosa terra nos momentos máis complicados”.

Menor tamén fixo un repaso á traxectoria vital, empresarial e deportiva do Premio Ourensanía 2024, co tiro olímpico como unha das súas grandes paixóns, xunto á súa familia, o piar fundamental da familia Vázquez Raña. Precisamente, o presidente provincial fixo súas unhas palabras da dona do premiado, María de los Ángeles Aldir: “Para el non existía o cansanzo nen o tropezo, sempre se levantaba co firme propósito de ser mellor cada día”, manifestando así o inspirador modo de vida dunha persoa que é “todo un orgullo para esta provincia e para esta Deputación”, concluíu o presidente provincial.

 

 

Olegario Vázquez Raña: “Afortunado de vivir entre dúas terras”

O Premio Ourensanía 2024, Olegario Vázquez Raña, confesaba que recibir o Premio Ourensanía “é profundamente emotivo, non só como empresario e deportista, senón como esposo, pai e amigo”. Durante o seu discurso, o homenaxeado subliñou o “traballo constante” como o “verdadeiro valor da vida”. “A disciplina constitúe soños”,  engadía.

Olegario Vázquez Raña agradeceu tamén a familia, equipo e amigos a súa compañía en cada logro e desafío. “A miña vida foi un reflexo de amor e comprensión e son afortunado de vivir entre dúas terras que amo profundamente, España e México”.

O premiado fixo un repaso pola súa vida, contando anécdotas como o desexo da súa muller de celebrar a lúa de mel só se ían a Galicia, historia que arrincou sorrisos entre o público. “Este recoñecemento é moi importante para toda a miña familia”, subliñou o premiado, emocionado por recibir “a corazón aberto porque está é a terra dos meus papás e a miña propia terra. Eu debo a esta terra moitas cousas”.

 

 

Un premio con traxectoria desde 2012

O Premio Ourensanía instaurouse na Deputación para enxalzar a persoeiros vinculados coa provincia pola súa aportación á sociedade desde o seu ámbito profesional. O primeiro galardoado foi o xuiz José Antonio Vázquez Taín (2012), seguido polo arcebispo de Belcastro, monseñor Francisco José Rodríguez Carballo (2013); a xornalista Victoria Prego (2014); a presidenta da Fundación Barreiros, Mariluz Barreiros (2015); o cineasta José Sousa (2016); o lendario porteiro do Real Madrid, Miguel Ángel González (2017); en 2018 o Premio Ourensanía foi compartido para o Centro do Partido do Carballiño en Bos Aires e o Centro Ourensán de Montevideo; o xornalista e escritor Alfonso Sobrado Palomares (2019); a directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS), María Purificación Neira González (2020); o presidente do Comité Olímpico Español (COE) Alejandro Blanco (2021); o fotógrafo Manuel Outumuro (2022); e o deseñador e modisto Adolfo Domínguez (2023).

Fotos e vídeo: O SIL.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button