EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O experto e divulgador en viños Santi Rivas achégase por primeira vez á D.O. Valdeorras

 Sorprendido pola “contorna espectacular” da comarca, coñeceu 9 adegas catando un total de 85 referencias amparadas

 

O divulgador e experto en viños, Santi Rivas visitaba a Denominación de Orixe Valdeorras durante dúas xornadas consecutivas, para achegarse á viticultura da zona. No seu percorrido, visitaba 9 adegas, coñecendo tamén os seus viñedos, entre os que descubriu, nas súas propias palabras, “o máis bonito que vin na miña vida”, pola súa situación, unha ladeira de disposición vertical en Santa Cruz (O Bolo), e pola súa gran extensión, “quedeime petrificado”.

Entre as adegas visitadas, atópanse a Compañía de Telmo Rodríguez, Pago de los Capellanes, Adega Terriña, Bodega Rafael Palacios, Bodega Viña Somoza, Bodegas Valdesil, Adega O Cabalín, Bodegas Virgen del Galir e Bodegas Godeval.

En total, Rivas catou 85 viños brancos e tintos destas adegas e de outras dez que aportaron os seus viños para unha cata realizada onte pola tarde na sede do Consello Regulador.

Para este crítico e divulgador que leva “catando viños desde 1996”, esta foi a súa primeira visita a Valdeorras, onde volveu a probar referencias que xa coñecía, pero ás que agora relaciona “cunha contorna espectacular, de gran diversidade” e que lle “sorprendeu moitísimo”. De feito, fixo referencia ao traballo dos viticultores da comarca, calificándoo de “duro e laborioso”, propio dunha “viticultura heroica”.

 

 

O experto

Santi Rivas é divulgador e crítico experto en viños e desde 2021 escribe na sección de Gastronomía da revista Esquire. Gañou o premio ao Mellor Comunicador de Viño dos IWC Merchant Awards en 2018 e en 2023, é campión de España de Catas a Cegas por Equipos en 2018 e subcampeón de España neste mesmo certame en 2023 e colabora tamén coa Cadena SER, así como do diario El País e as revistas Sobremesa, Beber Magazine e Hello!

É autor dos ensaios de divulgación sobre a cultura vinícola ‘Deja todo o deja el vino’ e ‘Vinos gentrificados’, publicados pola editorial Muddy Waters Books, onde aborda as novas tendencias vinícolas. Así mesmo, está ao fronte da conta de Instagram de divulgación vitivinícola Colectivo Decantado, con máis de 35 mil seguidores.

Fotos: CRDO Valdeorras.

 

Back to top button