Trátase unha iniciativa singular, non só en Galicia senón a nivel estatal. A Xuntanza de Microscopía Micolóxica celébrase dende hai xa nove anos na Veiga, promovida por un grupo de micólogos a título particular que contan en cada edición a un experto nunha determinada área.
“Estes encontros que facemos aquí son case únicos en España. Pode haber congresos ou outras iniciativas, pero este tipo de actividade tal cal está plantexada, sen ser de ningunha asociación nin contar con ningún tipo de axudas, é case única”, din os coordinadores desta xuntanza, Jorge Santoro e José Ramón Pato.
Na súa novena edición, celebrada do 25 ao 27 de maio no Hotel As Chairas da Veiga, participaban unhas 34 persoas de diferentes puntos de Galicia e mesmo de fóra que, acompañadas polos seus microscopios e guiadas polo experto Ibai Olariaga, traballaban sobre tres familias distintas de fungos: Cantharelaceae, Hydnacea e Clavariaceae.
Cada un dos asistentes trae o seu propio microscopio, tamén se aporta o herbario relacionado coa temática a tratar, aínda que tamén acostuma traballarse con mostras frescas. “Temos que desligar estes encontros do que é a micoloxía digamos lúdica, relacionada coa gastronomía, isto é un plantexamento completamente distinto”, resaltan Jorge Santoro e José Ramón Pato.
Tamén indican que dende a primeira edición, na que o profesor convidado era Massimo Candusso, ata a actual a evolución, tanto na técnica e no material como nos coñecementos, ten sido sorprendente. “Ademais do traballo conxunto que se fai aquí, logo cada un na súa casa segue traballando e evolucionando”. Ademais agradecen a colaboración desinteresada dos expertos que ao longo destes nove anos teñen participado nestas xuntanzas.
Fotos: Carlos G. Hervella, agás a primeira que é cedida.