
Tralo éxito da primeira edición, o Club Deportivo Rubiá, celebrará neste 2025 a súa segunda xuntanza. Será o sábado 17 de maio e en dúas partes, unha no pavillón municipal e outra no campo dos Ladrillos. “O que fixemos o ano pasado na carpa, trasladámolo ao pavillón porque como o campo está máis preparado para actividades querémolo vincular co CD Rubiá (equipo desaparecido hai máis de quince anos) xa que aí era onde xogabamos e pasabámolo tan ben”, aseguran dende a organización.
Así, o programa arrincará no campo, sobre as 11 horas, coas actividades deportivas distribuídas tamén en dúas partes. “Haberá un partido coa xente que se anime; e tamén unha serie de habilidades co balón fronte á portería nas que participará todo o mundo que queira, tanto homes como mulleres, para que a xente participe e se divirta, porque a finalidade da xuntanza é pasalo ben ese día”, din.

E xa no pavillón, cara as 14:30 horas, será o xantar onde se reunirán todos. Que non poida ir aos Ladrillos irá alí directamente e igual que o ano pasado entregaranse dúas placas a xente relacionada co club no seu momento. Tamén haberá unha exposición de camisetas e fotografías.
Dado que coincide cos actos polo Día das Letras Galegas, este ano a asistencia será algo menor que o ano pasado, pero á parte de xogadores e directivos tamén irá máis xente que non estaba vinculada directamente co club pero si como afeccionados, polo que se vai diversificando o encontro. “Estamos contentos porque a xente vólvese animar”, din, recoñecendo que a finalidade desta xuntanza non é outra que “reunirnos é pasar un día agradable xuntos, lembrar vellos tempos, rirnos un pouco e de paso facer un pouco de exercicio”.