O encoro de Velle, á altura de Barra de Miño, acollía a pasada fin de semana a segunda regata puntuable para a liga ourensá da Copa Deputación de Ourense. Nela tomaban parte 178 deportistas (113 homes e 65 mulleres) de todos os clubs da provincia.
Esta cita tiña un percorrido de 1.000 m para pre-benxamíns, benxamíns e alevíns, 2.000 m para infantís e 4.000 m para o resto de categorías, en embarcacións individuais. Por clubs impoñíase na proba o Fluvial Allariz, seguido do Fluvial Avión-Castrelo de Miño e da Escola Municipal Ourensana de Piragüismo. No cuarto lugar quedaba o Fluvial Barco e no quinto a S.C.D.X Fontefría (Muíños).
A regata estaba organizada pola Federación Galega de Piragüismo (FEGAPI) coa colaboración do Club Escola Municipal Ourensana de piragüismo e o Concello de Coles co patrocinio da Deputación de Ourense e da Secretaría Xeral para o Deporte.
Fotos da galería: cedidas pola Delegación Ourensá da Federación Galega de Piragüismo.