
A Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao celebrou esta mañá unha nova edición do seu Foro de Emprego, unha xornada orientada a achegar ás persoas á busca activa de traballo a profesionais do ámbito da selección de persoal e os recursos humanos. O encontro, enmarcado no Programa Integrado de Emprego 2025-2026, reuniu a 25 participantes do programa xunto a representantes de empresas de traballo temporal, técnicos de orientación laboral e responsables de recursos humanos de distintas compañías, configurando un espazo de contacto directo entre quen busca emprego e quen ten capacidade de xeralo.
A xornada foi inaugurada polo presidente da Asociación, José Antonio Rodríguez Araujo, quen definiu o espírito do foro con claridade: “o que queremos impulsar desde o Polígono de San Cibrao é a conexión real entre persoas e empresas”. Na súa intervención, puxo en valor os resultados do Programa Integrado de Emprego, que alcanza xa a súa undécima edición e conta nesta convocatoria con 100 participantes. Os datos falan por si sós: desde o inicio do programa, 55 persoas tiveron algunha experiencia laboral e 48 continúan en activo hoxe. “Iso son oportunidades reais, inserción efectiva e estabilidade”, subliñou.
Rodríguez Araujo aproveitou tamén a súa intervención para reivindicar o compromiso do tecido empresarial do polígono coa súa contorna: “no Polígono de San Cibrao temos moi claro que o crecemento económico ten que ir acompañado de progreso social”. Nesa mesma liña, incidiu na necesidade de adaptar a formación ás transformacións que está a vivir o mercado laboral. Esta edición do programa incorporou, xunto a materias consolidadas como a prevención de riscos laborais ou as ferramentas para contornas industriais, módulos en ámbitos emerxentes como a intelixencia artificial, o Big Data ou o uso de ferramentas como ChatGPT. “O mercado laboral está a cambiar, e temos que preparar ás persoas para ese cambio”, afirmou.
A xornada incluíu un encontro con representantes de empresas de traballo temporal e unha mesa de intervencións técnicas centrada nos procesos de selección e nas necesidades actuais das empresas. Participaron nesta edición Mª José Fernández Robledo, do Grupo Cuevas; Efigenia Levices Carballo, técnica de orientación laboral; e as representantes de Adecco e Nortempo Silvina Sgiarovello Fuentes, Ainhoa Gómez Cid e Sofía Liste Cabaleiro. Desde a Asociación destacaron que este tipo de encontros permiten crear espazos de contacto directo entre empresas e participantes, favorecendo a empregabilidade e reforzando o vínculo entre a formación e as necesidades reais do tecido produtivo.
O Programa Integrado de Emprego da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao inclúe máis de 500 horas de formación distribuídas en 21 cursos, orientación individualizada, prospección empresarial e prácticas profesionais non laborais. Unha proposta integral que, edición tras edición, segue consolidándose como unha ferramenta eficaz para mellorar a inserción laboral e dar resposta ás demandas reais das empresas da contorna.