
A vida e todas as súas arestas, a natureza como elemento vivo e presente e unha ollada extremadamente particular e curiosa. Amador Lorenzo (Bueu, 1976) regresa á cidade na que viviu boa parte da súa vida para presentar os seus dous últimos traballos bibliográficos este vindeiro venres na Fundación Luis Seoane.
No ano 2014, Amador Lorenzo concibe un proxecto para retratar a vida dos habitantes do Macizo Central de Queixa-Manzaneda. A idea é acompañar a un veterinario durante as súas longas xornadas de traballo co obxectivo de retratar a vida cotiá da veciñanza. O resultado son un conxunto de imaxes nas que o fotógrafo consegue captar un ecosistema no que as fronteiras entre persoas, animais e espazos se esvaecen dentro dun relato visual que se afasta dos achegamentos nostálxicos habituais neste tipo de traballos.
Xunto con Amador Lorenzo, os editores Suso Vázquez e Cibrán Rico abordaron ambos libros como dous momentos diferentes da mesma historia: Nacenza é unha novela, o inabarcable, a vida enteira, mentres que Curro da Mosenda é un conto, cun comezo e un remate definidos, pero o que acontece entre eses dous intres pode durar, tamén, toda unha vida.
A entrada ao acto, que terá lugar no auditorio da Fundación Luís Seoane, é libre ata completar capacidade.
Sobre o autor
Amador Lorenzo (Bueu, 1976) é Técnico Superior en Imaxe pola Escola de Imaxe e Son de A Coruña, con ampla experiencia en medios como El País (edición Galicia), Xornal de Galicia, Marca, Luzes e o Los Ángeles Times. Dende 2017 é codirector de FFoco, o Festival de Fotografía da Coruña, onde tamén comisariou exposicións destacadas como O Piano pola xanela (Fundación Luis Seoane, 2020) e Profundar (Lúa Ribeira).
No ámbito cinematográfico, traballou como fotógrafo fixo en producións como Matria, de Álvaro Gago, e O Corno, de Jaione Camborda. Foi gañador do Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado 2012 e finalista en certames como Descubrimientos PHotoESPAÑA 2014.
Entre as súas exposicións recentes destacan Dique de Abrigo (Fundación Luis Seoane, 2018), Un certo panorama (PHotoESPAÑA 2017, exhibida en varios países) e Un mundo que sofre baixo un manto de flores(Kiosco Alfonso, 2021). Autoeditou obras como Bolhao (2016) e Dique de Abrigo (2018).