Tras a exitosa acollida de The Tambourine Man (2015), Xabier Díaz vén de emprender unha nova travesía pola música e a sonoridade tradicional galega. O 6 de febreiro publicaba Noró, algunhas músicas do Norte, no que volve contar cos irmáns triveses Gutier (zanfona e violín) e Javier Álvarez (acordeón) e coas Adufeiras de Salitre (voz e percusións). Este novo disco presentábase o 24 de febreiro no Auditorio do Mar de Vigo.
Noró supón unha continuación natural do anterior traballo de Díaz. Reúne trece temas de procedencia tradicional “con algún arranxo ou melodía composto, pero respectando sempre esa especie de pouso tradicional”, comenta Gutier Álvarez, que baixo a dirección e produción musical de Xabier Díaz, participaba xunto ao seu irmán Javier no proceso de composición e arranxo das pezas. “Foi algo moi telemático, cada un temos o noso estudo na casa, e imos mandándonos ideas xa construídas”, apunta.
O disco incorpora algunha sorpresa musical relacionada coa provincia de Ourense. Unha das pezas está inspirada no toque do fulión de Manzaneda. “Disto fumos absolutamente culpables o meu irmán e máis eu”, confesa Gutier, “nun dos temas necesitabamos algo moi concreto ritmicamente e nese momento foi como se se nos acendese unha luz e pensamos no fulión, algo que vivimos sempre de pequenos. A verdade é que foi bonito poder aportar e dignificar desta forma un patrimonio tan importante e que nós tanto valoramos”.
Tamén se inclúe algunha outra peza vencellada á provincia como é unha das mazurcas de Noró, que é do Canizo (A Gudiña). “Xabier Díaz ten unha querencia moi grande por Ourense e, non en van, na época na que se dedicou a investigar e recoller viaxou moito por esta provincia”, matiza Gutier Álvarez.
Texto: A.R.