OurenseÚltima hora

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre actuarán na Festa dos Maios de Ourense

Darán un concerto o domingo 4 na praza Maior

Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre nun concerto no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre actuarán na Festa dos Maios de Ourense 2025. Será o domingo, día 4 de maio, ás 19:30 horas, na praza Maior, nun concerto que terá lugar tras a entrega de premios do concurso de maios e coplas que organiza o Concello para esta tradicional celebración.

Con máis de tres décadas de traxectoria, Xabier Díaz é un dos nomes propios da música de raíz galega. O músico e compositor coruñés formou parte de agrupacións como Berrogüetto e, paralelamente, participou xunto a Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCanto.

Naceu daquela un compromiso esencial cos instrumentos de percusión de man, nos que se especializou e que son marca inconfundible da súa obra, nomeadamente a pandeireta, instrumento no que gañou un grande recoñecemento e prestixio.

Desde entón, sucedéronse os premios e moi especialmente, o nacemento dunha nova formación xunto coas Adufeiras de Salitre que dende 2014 foron deixando retrato do traballo feito en 4 discos e numerosos concertos por todo o mundo.

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre chegarán a Ourense logo dunha longa xira para presentar o seu último disco Axúdame a sentir (2024), con máis de 40 concertos por toda España.

Artigos relacionados

Back to top button