Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Asociación de Desarrollo Local Deloa, Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ordes, Salnés-Ulla-Umia e Ribeira Sacra-Courel (os catro recoñecidos como entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a aplicación dunha Estratexia de Desenvolvemento Local na medida Leader de Galicia) veñen de asinar un convenio de colaboración para traballar en rede no Concurso INTERRITMOS: SONS DO RURAL, que busca a potenciación do patrimonio musical galego.
O Concurso está destinado a músicos/as, grupos e/ou bandas instrumentais e/ou vocais, de ata un máximo de 8 compoñentes, con traballos que versen tanto na recreación ou evolución de pezas tradicionais, como en pezas de nova creación que beban da música de raíz.
Para o desenvolvemento de INTERRITMOS primeiro terá lugar un concurso de maquetas en liña. De entre todos/as os/as participantes, un xurado profesional seleccionará seis finalistas que participarán nun encontro musical o 4 de xuño no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove. Neste Encontro Musical, a través dunha actuación en directo, serán seleccionados dous grupos/artistas gañadores.
Os gañadores que realizarán un circuíto musical ao vivo nos territorios implicados, recibirán un premio en metálico de ata 480 euros, ademais poderán tocar no Festival da Luz 2022 e gravar un tema e un videoclip de xeito profesional.
O prazo para a presentación de maquetas está aberto desde o 25 de abril ata o 16 de maio de 2022, ás 14.00 horas, a través do seguinte enlace: https://interritmos.deloa.es
Ao igual que na edición de 2021, INTERRITMOS SONS DO RURAL contará coa celebración de coloquios e charlas que tratarán de distintos aspectos de temática musical e cultural, nas que participarán figuras de relevancia nestas temáticas e profesionais dos medios de comunicación. Ditos coloquios e charlas desenvolveranse en lugares senlleiros do territorio do GDR Ribeira Sacra-Courel.
Tanto as bases do concurso, como o programa completo de INTERRITMOS están publicados na web https://interritmos.deloa.es e nas redes sociais de Asociación Deloa, GDR Asdecomor, GDR Salnés-Ulla-Umia e GDR Ribeira Sacra-Courel.