En portadaÚltima hora

O godello valdeorrés Guitián fermentado en barrica 2022 faise co Premio Alimentos de España en viños brancos

A entrega destes galardóns tiña lugar esta tarde nunha gala celebrada no Teatro Real de Madrid e presidida polo ministro de Agricultura

 

Un dos galardóns que se entregaban esta tarde na gala dos XXXVI Premios Alimentos de España, celebrada no Teatro Real de Madrid, era para un viño valdeorrés, o Guitián fermentado en barrica 2022 da Adega A Tapada, de Rubiá. Recollíao o enólogo desta adega dos irmáns Guitián, Pepe Hidalgo.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación outorga o premio Alimentos de España Mellores Viños nas modalidades de tinto, branco, rosado, escumoso e de licor a cinco adegas amparadas, en todos os casos, por unha denominación de orixe protexida (DOP), distintivo que certifica a calidade e a rastrexabilidade tanto do produto español como do seu proceso de elaboración no ámbito da Unión Europea.

Así, entre os viños recoñecidos figuraba nesta edición, na modalidade de branco, o Guitián Fermentado en Barrica 2022 con 6 meses en barrica de carballo. A adega valdeorresa A Tapada, pioneira na recuperación da uva da variedade godello, está moi vinculada á zona histórica onde se radica e ao desenvolvemento da DO Valdeorras, coa que ten un forte compromiso.

O viño galardoado, segundo o xurado, “é de entrada ampla e agradable, de paso sedoso con marcadas sensacións cítricas. É complexo e elegante, cun final longo e persistente, de cor amarela pajizo, con reflexos dourados e ribete aceirado. Conta con moi boa intensidade aromática con predominio de froita branca e cítrica, así como notas doces, florais e herbáceas”.

 

 

A concesión destes galardóns foi outorgada por un xurado formado por persoas de recoñecido prestixio no sector vitivinícola, que elixiron os gañadores de entre os mellores puntuados no concurso internacional Bacchus 2024 e que se presentaron á convocatoria ministerial.

E esta tardiña facíanse entrega dos 23 premios Alimentos de España desta edición, nun acto presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, quen ao final da gala felicitaba aos galardonados. “Cada premio é unha historia de esforzo e de traballo, grazas e parabéns a todos os premiados porque sen dúbida o merecen polo produto que elaboran, pola súa actividade e pola súa entrega profesional”. E anunciaba que na vindeira edición destas distincións tamén se incluirán o xamón e os queixos. “Somos unha gran potencia agroalimentaria”, engadía Planas, que remataba reivindicando o “traballo das mulleres e dos homes empeñados todos os días en facer ben as cousas. Queremos dar valor aos alimentos e a aqueles que os producen”.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button