EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

O godello valdeorrés Sorte O Soro 2023, un dos dous únicos brancos con 100 puntos na Guía Gourmets

Este viño da adega Rafael Palacios forma parte dos nove viños españois galardoados nos “Premios Liga del 100”

 

Un godello da Denominación de Orixe Valdeorras vén de ser seleccionado como un dos dous mellores brancos de España na primeira edición dos Premios Liga del 100 da prestixiosa Guía Vinos Gourmets. O galardón foi outorgado a Sorte O Soro 2023, da adega Rafael Palacios, que é un dos nove únicos viños, de seis denominacións diferentes a nivel nacional, aos que o comité de cata premiou con 100 puntos sobre unha escala de 100, tal e como vén de facer público o CRDO Valdeorras.

Esta é a primeira vez que esta Guía, que chega en 2025 á 40ª edición, concede a máxima cualificación, outorgada por unanimidade dos seus membros, “a viños sublimes, que sobresaen pola súa marcada personalidade, elegancia, cualidades excepcionais e que merecen o máximo recoñecemento”, tal e como indica o consello regulador citando á organización da guía.

Para realizar esta selección, o Grupo Gourmets contou cun experto comité de cata, que analizou 4.315 viños de 1.270 adegas españolas. O proceso levouse a cabo a través dunha estrita cata a cegas, na que os profesionais en ningún momento coñecían a marca nin a adega que elaborou cada referencia.

 

 

A cerimonia de entrega celebrouse esta mañá, no marco da 38ª edición do Salón Gourmets de Madrid, e era recollido polo adegueiro Rafael Palacios. E este certame está previsto que asistan máis de 100.000 profesionais e máis de 2.100 expositores con máis de 55.000 produtos que encherán os seis pavillóns, distribuídos nos 90.000 m2 de superficie de exposición, cos que conta esta edición.

Fotos cedidas.

Back to top button