PolíticaÚltima hora

O grupo socialista na Deputación presenta unha iniciativa para adoptar un plan provincial de minería

“A provincia ten gran potencial mineiro, mesmo de terras raras, que cunha acaída estratexia podería aportar prosperidade e benestar presente e para o futuro”, sostén Aurentino Alonso

O concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso.

 

O grupo provincial socialista na Deputación de Ourense vén presentar unha iniciativa para a adopción dun plan provincial de desenvolvemento do sector mineiro e “facer de Ourense un referente nas cadeas de subministro globais en tecnoloxías verdes. A provincia ten un notable potencial mineiro, con importantes xacementos probados de minerais industriais e metálicos, pero tamén de terras raras, que cunha acaída estratexia e a través da adopción de estratexias extractivas innovadoras e respectuosas da entorna poden aportar prosperidade e benestar no presente e para as xeracións futuras”, sostén Aurentino Alonso, deputado provincial socialista por Valdeorras.

Segundo este, “a tradición mineira de Ourense remóntase á dominación romana, contando na actualidade con activos suficientes para posicionarnos coma referentes da minería sustentable e mesmo actor global destacando en tecnoloxías verdes. Mesmo se unha estratexia clara, con Ourense á fronte Galicia aporta un 8,2% da produción mineira española, cunha facturación anual de 280 millóns de euros e xerando na provincia uns 2.500 postos directos de traballo. Á luz de estimacións recentes e se tomar en consideración a pléiade de recursos dispoñibles, cal non será o potencial do sector se tan só Ourense podería cubrir o 15% da demanda europea de litio para baterías?”, pregúntase Alonso, para quen a Deputación debe “ordenar” e “dinamizar” o sector.

Para o deputado socialista, “non podemos resignarnos e ver como a provincia esmorece lentamente, centrándonos nos tradicionais eidos onde a Deputación incide, sendo imperativo e urxente avanzar cara novas pistas e horizontes de salvación para a nosa provincia á luz das nosas características e activos, sendo a minería unha panca con moito potencial por desenvolver”. Neste senso, conscientes do atractivo do sector, “como demostra a multiplicación de licencias de exploración e explotación outorgadas pola Xunta”, os socialistas tamén reclaman a “posta en marcha de mecanismos de coordinación para a participación de Deputación, concellos e colectivos afectados polos proxectos en curso en aras de minimizar impactos e maximizar retornos para a comunidade”.

Minería sustentable

Para a elaboración desta iniciativa, o grupo provincial Socialista contou co asesoramento do economista carballiñés Adrián Godás quen, afincado en Sofía (Bulgaria), está especializado na análise de mercados de materias primas e empresas mineiras, consultor habitual de institucións multilaterais e gobernos. Godás subliña “a capacidade actual para levar a cabo prácticas sustentables de minería, que permiten unha coexistencia harmónica entre actividade extractiva e preservación do patrimonio natural ourensán”.

O carballiñés evoca o “proxecto Barroso”, en Portugal, onde se asenta unha gran mina de precisión litio, cun sistema de xestión hídrico pechado, que reduce ao mínimo o consumo, cun deseño que minimiza o impacto visual, limita as explosión e non traballa de noite para non alterar os ciclos da fauna. Godás, autor de Bajo tierra (2024, Arpa), alude mesmo ao desenvolvemento de biomateriais a partires de refugallos mineiros que rexeneran chans degradados.

“Ao integrar tecnoloxías limpas, transparencia na xestión dos recursos e un diálogo acentuado coas comunidades locais e actores concernidos, Ourense pode requintar un modelo aplicable a outras rexións con desafíos similares, posicionando a provincia coma laboratorio vivo da minería do século XXI”, apunta Aurentino Alonso. Para o socialista, “Ourense encarna un paradigma onde a minería pode ser compatible coa sustentabilidade e, amais, actuar coma vector de desenvolvemento e prosperidade, catalizador de innovación e cohesión territorial, para o cal a Deputación está chamada a dotarse dun plan con obxectivos capaz de desenvolver o sector e mesmo promover a atracción de investimentos e captación de fondos”.

Back to top button