CulturaCulturaÚltima hora

O historiador Christian Barrio presenta en Casaio o seu libro “Manuela” xunto a Felipe Rodríguez, director de “Lobos sucios”

A obra conta a historia silenciada da súa bisavoa, Manuela Valle, quen pasou 5 meses coa guerrilla na "Ciudad de la Selva" e máis de 2 anos na cadea

 

Casaio (Carballeda de Valdeorras) é o escenario principal dos feitos que Christian Barrio Fernández rescata do esquecemento en “Manuela. Historia de una huida hacia los montes de Casaio”. Nela conta a historia dun barrio, dun pobo, dunha familia e dunha lendaria muller, a súa bisavoa, Manuela Valle, fuxida durante cinco meses coa guerrilla antifranquista na Ciudad de la Selva.

Por iso, a primeira presentación deste libro, o segundo deste historiador e xornalista valdeorrés, non podía ser noutro lugar que ese Casaio, cuxa memoria retrata. Así, na tarde a partir das 18:30h. do sábado 9 de novembro presentaba na antiga escola desta localidade, que se enchía de público, o seu libro, acompañado do rues Felipe Rodríguez Lameiro, director do documental Lobos Sucios, que recolle o testemuño de Manuela Valle entre outros e que é autor do epílogo do libro) e Pedro Domínguez de Eco dos Teixos, que organizaba e presentaba o acto.

Na súa intervención, Felipe Lameiro lembraba moi emotivamente como foi a experiencia de entrevistar para o documental en 2006 a Manuela, que, dicía, o tratou case coma un neto. Despois interviña o autor do libro, quen explicaba como chegaba a descubrir esta impresionante historia “que pensaba simplemente que se limitaría á mina de Valborraz e ó volframio”, pero que acabou sacando do silencio unha parte da vida da súa bisavoa que a familia descoñecía.

Tras as intervencións proxectábase o documental Lobos Sucios, coa sorpresa final da inclusión dun pequeno vídeo con gravacións inéditas de Manuela que non se utilizaron nese traballo cinematográfico. Non faltaban tampouco as sinaturas do libro por parte do autor.

Fotos: Rosana Fernández.

Back to top button