O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) vén de emitir un comunicado para informar de que, debido a incidencias técnicas na súa nova plataforma tecnolóxica de xestión, os prazos para a presentación de solicitudes “quedan anulados para todos os efectos, polo que se garantiza a seguridade xurídica dos procedementos”.
“Nos próximos días, o Igape publicará novos prazos para a presentación de solicitudes das axudas en vigor. Esta nova plataforma, deseñada para xestionar un gran número de axudas, presentou problemas imprevistos que dificultaron a tramitación correcta das solicitudes por parte das empresas e colectivos interesados”, segundo a nota feita pública.
Así mesmo, sinálase na nota que o Igape “é consciente da importancia destas axudas para o tecido empresarial galego e traballa para ofrecer solucións de maneira inmediata. A súa prioridade é garantir que todos os solicitantes poidan acceder ao proceso de forma áxil e sen complicacións técnicas. Pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e agradecemos a comprensión de todas as persoas e entidades afectadas”.
Ademais, o Igape informa de que a publicación dos novos prazos farase a través das canles oficiais de información: o Diario Oficial de Galicia (DOG), a sede electrónica da Xunta, e a Oficina Virtual da páxina web do Igape.