Recabar datos sobre o que pasou, por que pasou e facer un diagnóstico de como mellorar para que esta traxedia nos faga máis fortes. É o obxectivo da Xornada: “Ciencia e Comunidade: Arredor do Lume na ZONA 0” que se está a desenvolver en Larouco, o concello no que comezaba o incendio que con 32.000 hectáreas de superficie queimada, foi confirmado como o peor da historia de Galicia.

Coa colaboración do Concello de Larouco e co-organizada pola directora científica de ECOBAS (Integrado por persoal investigador e docente das tres universidades galegas, que desenvolven os seus propios estudos dende o eido das ciencias sociais, principalmente a Economía e a Empresa), María Loureiro, e a investigadora do Grupo HC1 da Universidade de Vigo, María Isabel Doval, a xornada, aberta a toda a cidadanía, contou coa intervención de persoas expertas e representantes de distintos colectivos directamente afectados e ocupados en atopar as vías de mellora para que nada igual volva a suceder no futuro. “A primeira e confiamos en que non a última, noutras zonas. Unha xornada de combina Administración, localidade e empresa, de portas abertas coa presenza de representantes políticos, incluída a Xunta, pero tamén veciños.
Como veciña, máis que como alcaldesa, Patricia Lamela daba as grazas aos asistentes lembrando con dor o acontecido o 13 de agosto “cando me chaman por teléfono volvendo de Ourense cunha avaría no río aos que se sumaron seis dias de lumes sen parar”. A rexedora asegurou que “como comunidade Larouco portouse de maravilla, cunha unión que nos ten que servir para traballar por un futuro distinto entre todos. O monte que ardeu é case todo privado que non produce, parando o lume nos viñedos ese foi o noso cortalumes. Temos que traballar entre todos para que a nosa terra produza e sexa ela quen nos sirva de cortalumes”.

A xornada contou con dúas mesas redondas. Na primeira sobre os impactos físicos dos incendios forestais (degradación do solo, perda de biodiversidade, erosión, hidroloxía e atmósfera post-incendio) falaron representantes da Asociación de Traídas de Augas, COXAPO; da Fundación Juana de Vega; da Asociación Desenvolvemento Rural Serra do Caurel; e tamén enxeñeiros forestal e aeroespacial.
Na segunda, sobre os impactos sociais (saúde mental, despoboamento, cohesión comunitaria, resiliencia rural e recontrución social), falaron avogados, psicólogos, bombeiros e empresarios rurais; incluíndo un xantar networking antes das reflexións finais e conclusións xa pola tarde.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.