A sonoridade propia do Entroido tradicional do oriente ourensán, as súas máscaras e danzas enchían as rúas de Trives a partir das catro da tarde deste domingo 4 de febreiro. A vila acollía o encontro de folións que organizan Os Labregos e no que nesta edición participaban un total de 13 folións.
Abrían o desfile, dende a finca da Barreira, o folión anfitrión, o dos Labregos, precedido polas carreiras dos seus Boteiros. Despois viñan Os Arrieiros de Petín, os triveses da Lardeira, Sobrado, A Caniceira e As Maceiras, o da Veiga, o de Chandrexa de Queixa, o da parroquia de San Martiño (Manzaneda), Carracedo da Serra (A Gudiña), Fradelo (Viana do Bolo), Buxán (O Bolo) e a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso.
O seu percorrido pola vila, seguido por numerosas persoas, remataba na praza do Reloxo. Este encontro foi organizado polos Labregos en colaboración co Concello de Trives e para regular o tráfico contábase coa colaboración das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Trives, Manzaneda, San Xoán de Río e Maceda.
Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.
Ampliarase galería fotográfica en breve.