
A Feira do Lázaro 2025, unha das citas máis emblemáticas do calendario local, pechaba esta nova edición cun elevado grao de satisfacción por parte dos expositores, visitantes e organización, segundo se desprende do balance elaborado pola Concellería de Feiras do Concello de Verín a partir das enquisas realizadas durante o evento.
“A valoración global da feira acada unha nota media de sobresainte, destacando aspectos como a seguridade (10), stands (9) horarios (8) a limpeza e coidado dos espazos (9), a ubicación (9), vendas (8), actividades durante a feira e promoción e difusión (7), música (7) e a organización xeral (10). O 96% das persoas expositoras confirmaron a súa vontade de repetir na próxima edición, un dato que reflicte o impacto positivo da feira tanto a nivel comercial como organizativo”, tal e como se sinala dende o Concello.
Este resultado “é froito dun traballo colectivo no que participan os servizos municipais, os expositores, o tecido comercial da vila e a veciñanza, que cada ano fai súa esta feira tan nosa”, apunta o concelleiro de Feiras, Manuel Lorenzo, quen tamén destacou “o esforzo constante por mellorar, recollendo cada suxestión e crítica construtiva para seguir medrando”.
A nivel comercial, os datos tamén resultaban altamente positivos, especialmente para o sector da automoción, que rexistrou un gran volume de vendas e moito interese por parte do público asistente, tal e como recollen os propios expositores. A puntuación media sobre o nivel de satisfacción das vendas foi de 8 puntos.
4.735 petiscos no Pincha no Lázaro
No tocante á programación paralela, o concurso gastronómico “Pincha no Lázaro” consolidouse como un dos grandes reclamos da fin de semana. Durante os tres días da feira servíronse un total de 4.735 pinchos. A iniciativa volveu contar cunha excelente resposta por parte da veciñanza e dos locais participantes, reforzando a súa continuidade en futuras edicións.
Tamén a festa gastronómica, organizada en colaboración cos restaurantes da vila, tivo unha excelente acollida, e os locais implicados xa expresaron o seu interese en seguir traballando conxuntamente para que esta actividade siga medrando e se converta nun dos sinais de identidade da feira.
Entre os puntos máis destacados do balance están tamén os concertos das bandas de música, que obtiveron unha valoración de 10 puntos, e os fogos artificiais, tamén puntuados cun dez rotundo. A cidadanía destacou especialmente a súa espectacularidade, chegando a cualificalos como “mellores que os do Apóstolo”.
A Feira do Lázaro 2025 reafírmase así como un espazo de encontro, dinamización económica e identidade local, que segue a medrar ano tras ano grazas á implicación de toda a comunidade.