OurenseÚltima hora

O luns abriranse as inscricións para cursos gratuítos de condución segura de motos

Nesta convocatoria celebraranse 4 cursos, que se impartirán os días 24 e 25 de maio, en Teixeiro (Curtis), o 31 de maio en Pontevedra, e o 7 de xuño en Ourense

 

A Xunta abre este luns, día 21 de abril, o prazo de inscrición para participar nunha nova convocatoria dos cursos gratuítos de condución segura de motocicletas, cuxa primeira quenda se celebrarán en maio e xuño.

Trátase de primeira convocatoria para este ano dos cursos gratuítos dirixidos a motoristas e que a Xunta desenvolverá ao longo dos próximos dous anos, ata sumar en total, 32 novos cursos, nos que poderán participar un total de 640 motoristas.

Nesta convocatoria celebraranse 4 cursos gratuítos de condución segura de motos, que se impartirán en dúas quendas diarias, en Curtis, Pontevedra e Ourense.

Estes cursos gratuítos están dirixidos a persoas maiores de 18 anos con permiso de condución de motocicletas (3 anos de experiencia no caso de permiso B), que desexen mellorar o control da motocicleta e conducir de forma máis segura.

Os interesados poden inscribirse, desde o luns ás 9 horas, ata cubrir as 80 prazas dispoñibles. A inscrición poderá realizarse a través das páxinas web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/seguridade-viaria/plan e a entidade colaboradora Motovial, Escola de condución motocicletas: https://www.motovial.gal/programa-conduccion-segura/ .

Os participantes deberán asistir coa moto en bo estado e coas condicións legais de uso. Os alumnos portarán casco homologado, luvas, botas e roupa de protección, así como a documentación relativa ao seguro obrigatorio do vehículo e á ITV en vigor.

Programación

As xornadas formativas distribuiranse en dous cursos por día, un de mañá e outro de tarde, tendo cada un dos grupos un máximo de 20 alumnos. Os dous primeiros cursos se impartirán os días 24 e 25 de maio, no concello de Curtis, en Teixeiro; continuando o 31 de maio en Pontevedra, e o 7 de xuño no Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense.).

Trátase de cursos de formación cunha parte teórica e outra práctica, na que os participantes aprenderán a reaccionar ante situacións adversas, abordaranse temas relacionados coa normativa, con técnicas para mellorar as habilidades dos motoristas e a anticipación do risco e como reaccionar ante el.

Ademais, trataranse temas como o mantemento básico da motocicleta, a técnica e o control da freada, a xestión da traxectoria en curvas, as manobras evasivas e coa condución con pasaxeiro.

Con esta iniciativa, a Xunta reafirma o seu compromiso coa seguridade viaria e a formación continua dos motoristas para reducir os riscos nas estradas galegas.

Este programa formativo está incluído no «Plan de Seguridade Viaria 2022-2025. Visión Cero», impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, dentro do Reto 3: “Visión Cero en usuarios vulnerables: mellora da seguridade dos usuarios de ciclomotores e motociclistas”. Este reto busca a redución dos accidentes e das súas consecuencias, mellorando a seguridade viaria dos usuarios vulnerables, neste caso dos usuarios das motocicletas, conseguindo unhas vías de tránsito e unha mobilidade máis segura.

Artigos relacionados

Back to top button