ConcellosQuirogaÚltima hora

O Meco e as Pampórnigas acompañarán á Virxe na Romaría da Ermida (Quiroga) os días 8 e 9 de setembro

O Meco e as Pampórnigas na procesión da Ermida (Quiroga)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A parroquia de Santa María da Ermida (Quiroga) comezaba o 30 de agosto a novena da Virxe dos Remedios (9:30h. misa e novena, 19:30h. rosario e 20h. misa e novena), cuxos días festivos centrais serán o 8 e o 9 de setembro. Ademais o comezo da novena tamén coincidía cos trámites para a coroación canónica diocesana (concedida polo bispo dá diocese) da imaxe mariana que se venera neste santuario e que previsiblemente terá lugar o 9 de setembro de 2024. Esta iniciativa tamén é compartida polo veciño santuario da Virxe dos Remedios de Castro Caldelas co que se irmandou este ano.

O 7 setembro será o derradeiro día da novena e nel celebrarase unha longa procesión ás 19:30h., seguida da misa e novena e, despois, haberá pancetada e verbena co dúo Eclipse. Xunto coa Virxe, hai outras figuras centrais na Romaría da Ermida que sairán novamente ás rúas o vindeiro 8 de setembro na procesión das 13h.: o Meco e as Pampórnigas.

Ao día seguinte, ademais da procesión ás 13h., coa danza do Meco e das Pampórnigas, e da misa, haberá sesión vermú e concerto da banda de acordeóns O Folión “Xograres de Lemos”. Pola tarde e noite terase baile no campo da festa ao ritmo da orquestra Compostela.

O programa repetirase o 9 de setembro, se ben neste caso na sesión vermú tocará Talismán e pola noite soará a música da Disco Móbil Eme Music. A tradicional Romaría da Ermida voltará a ser un punto de encontro para veciños e visitantes na segunda fin de semana de setembro.

 

Artigos relacionados

Back to top button