ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

O médico Eduardo Gómez Vidal, pregoeiro das Festas do Cristo do Barco

A súa elección "a súa elección é, ao mesmo tampo, un recoñecemento tanto aos profesionais da sanidade pública como aos afectados pola enfermidade", destacan dende o Concello

O médico barquense Eduardo Gómez Vidal./ Foto cedida.

 

Logo dunha paréntese dun ano, no que as Festas do Cristo do Barco non se celebraron como tales e non houbo acto do pregón debido á pandemia do Covid-19, esta vila retomará o vindeiro mes de setembro esta tradición da man dun barquense nacido no corazón da vila, ao carón do río Sil: o médico Eduardo Gómez Vidal. Así o vén de facer público neste 25 de agosto o Concello do Barco.

“Aínda que este ano, e por mor da pandemia da Covid, non poderá celebrarse o programa festivo habitual e tradicional, si que se quere manter o acto do pregón, para non deixar perder un costume co que se pretende render homenaxe a persoas que teñen destacado polo seu compromiso co Barco de Valdeorras”, explica o  Concello do Barco, “nesta ocasión serve tamén para que todos os veciños poidan render homenaxe aos sanitarios traballadores contra a pandemia, así como aos enfermos afectados polo Covid”.

Eduardo Gómez Vidal é unha persoa moi aprezada no Barco, onde naceu e exerce a súa profesión e foi concelleiro durante 16 anos, pero tamén na comarca de Valdeorras, tanto polo seu bo facer profesional como polo seu compromiso social e a súa vinculación en actividades de todo tipo.

“Loitador incansable en todos aqueles temas importantes para O Barco e os seus veciños, traballou sempre para conseguir mellorar as condicións de vida de todos os barquenses. Vinculado a moitas causas, tamén se ten significado en ámbitos deportivos, culturais e políticos, neste último caso como concelleiro no Barco hai algúns anos”, destacan dende o Concello do Barco.

Coa súa elección para este ano, o Concello quere destacar “a personalidade de Gómez Vidal, médico de profesión, traballador do servizo de Urxencias do Hospital Comarcal Valdeorras e polo tanto situado na primeira liña da loita contra o virus. Pero ademais, Gómez Vidal foi un dos sanitarios que resultou infectado pola Covid. Polo tanto, a súa elección como pregoeiro é ao mesmo tampo un recoñecemento tanto aos profesionais da sanidade pública como aos afectados pola enfermidade”.

Artigos relacionados

Back to top button