ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

O municipio de Río, finalista por segundo ano consecutivo nos Premios Europeos da Inclusión e a Diversidade

 

A Comisión Europea volve situar ao municipio ourensán de San Xoán de Río na elite das políticas sociais do continente. Por segundo ano consecutivo, a localidade é finalista dos European Capitals of Inclusion and Diversity Awards 2026, competindo directamente con grandes capitais e rexións europeas.

San Xoán de Río comparte lista de finalistas con cidades da talla de Milán (Italia), Hannover (Alemaña), Lovaina (Bélxica), Piraeus (Grecia) ou Leiden (Países Baixos). Esta “hazaña rural” susténtase nunha estratexia que destina o 20% do seu orzamento anual á inclusión real, demostrando que o tamaño non limita a ambición política.

Un modelo de inclusión sen deixar a ninguén atrás O proxecto do Concello destaca por tres eixes fundamentais que impresionaron ao xurado independente da UE:

– Mulleres de Río: Unha estrutura de participación activa para as mulleres do municipio dende unha perspectiva interseccional (xénero, idade e ruralidade), garantindo que as nosas maiores sexan as protagonistas da gobernanza.

– Inclusión LGTBIQ+ como base política: A diversidade non é un proxecto illado, senón un dos eixes centrais da política social do Concello. Trabállase para que San Xoán de Río sexa un territorio seguro onde a identidade nunca sexa motivo de éxodo rural.

– Rural SocialTech: Un proxecto pioneiro para dinamizar o emprego na economía social e mellorar as competencias de toda a poboación, pechando a fenda tecnolóxica e fomentando o emprendemento inclusivo.

Cara un Mercado Laboral Inclusivo

Nesta edición, o municipio tamén compite polo premio ao mercado laboral inclusivo, grazas á súa aposta pola “Silver Economy”. San Xoán de Río está transformando os coidados informais en empregos profesionais e atraendo a nómades dixitais mediante unha infraestrutura de alta tecnoloxía nunha contorna inclusiva.

“Os nosos resultados: Unha participación masiva dos nosos e nosas maiores demostran que o noso modelo é real e transferible a calquera aldea de Europa”, sinala Xosé Miguel Pérez Blecua, alcalde de San Xoán de Río.

A resolución final anunciarase en Bruxelas o vindeiro 21 de abril de 2026, coincidindo coa apertura do Mes Europeo da Diversidade. A ceremonia de entrega poderá seguirse no seguinte enlace: https://eu-diversity-inclusion.campaign.europa.eu/event_en

Back to top button