ConcellosQuirogaÚltima hora

O Museo Etnográfico de Quiroga incorpora pezas ligadas ao viño, ás castañas, á olería e á lousa

Pezas do Museo Etnográfico de Quiroga./ Foto: Concello de Quiroga.

 

Os museos de Quiroga están en continuo movemento xa que non deixan de incorporar novidades. No pasado verán o Museo Xeolóxico inauguraba a súa ampliación, con novas salas e novas pezas. Tamén o Museo Etnográfico está a incrementar continuamente o seu xa amplo inventario e estes días ven de incorporar catro curiosas pezas.

Unha destas pezas é unha estrulladora manual, feita toda en madeira, o que podería ser un prototipo das actuais que se utilizan hoxe en día para pisar as uvas nas adegas. Esta peza foi cedida por un coleccionista privado, tal e como informan dende o Concello de Quiroga.

Outra das pezas é unha pota da olería de Buño, que se recuperou das edificación en ruínas que se tiraron na praza do entronque da rúa Lago e a rúa Real, e que vén a complementar a importante colección de pezas de barro para a cociña coas que conta este museo.

Recuperouse tamén unha pizarra individual, coa súa lousa e o marco de madeira das que os nenos e nenas levaban é escola. Esta peza que serían os cadernos actuais, veu dende Sesmil, na parroquia da Enciñeira.

A última peza recuperada, e tamén a máis ansiada polo museo é unha escolledeira. Unha peza que se utilizaría no último paso da limpeza e almacenaxe das castañas secas, o que completaría todo o proceso das castañas, dende a súa recollida ata o seu almacenamento. Esta peza recolleuse en Soldón da Seara.

Este centro de recollida da historia local conta ademais con numerosas pezas que aínda non están expostas ao público, a maioría delas por falta de espazo, pero outras tamén porque se están limpando ou arranxando. Unha das curiosidades deste museo é que todas as pezas, sendo antigas, están en perfecto funcionamento, todas elas serven para o seu uso.

Artigos relacionados

Back to top button