ConcellosEn portadaTrivesÚltima hora

O neumólogo Julio Ancochea, pregoeiro das Festas do San Bartolomé en Trives

A lectura do pregón terá lugar ás 19h. na praza do Pilón desta vila

O neumólogo trivés Julio Ancochea, presidente de Asomega./ Cedida.

 

Coa lectura do pregón abriranse mañá 20 de agosto as Festas de San Bartolomé da Pobra de Trives. Nesta ocasión, o pregoeiro será o prestixioso neumólogo trivés Julio Ancochea Bermúdez, que ademais o presidente da Asociación de Médicos Galegos (Asomega). Este acto está previsto para as 19h. na céntrica praza do Pilón da vila.

O doutor Ancochea é profesor titular de Universidade (Facultade de Medicina-Universidade Autónoma de Madrid) dende o ano 2000, ademais de coordinador da Reitora de la UAM para asuntos de Ciencias da Saúde, director de catro Cátedras Universidade-Empresa en la UAM: “Respira Vida”, “Integra” (Linde Healthcare), “EPID Futuro” (Roche Farma) e NeumoMadrid (Chiesi).

Así mesmo, é director do proxeco de Humanización Sanitaria “Be Neumo Be You” (2012-2022), impulsor e presidente o Comité Científico da Rede contra a Tuberculose e pola Solidariedade (Red TBS/Stop Epidemias) (2013-2022) e coordinador da Estratexia EPOC do Sistema Nacional de Saúde (2009-2022), entre outros cargos. Conta con numerosos recoñecementos e ten sido destacado pola revista FORBES en varias ocasións na lista dos 100 mellores médicos de España.

Plan de autoprotección para as festas

O Concello de Trives vén de aprobar un plan de autoproteccion para as festas e unha memoria de implantación para o evento musical das Festas de San Bartolomé, que comezan este sábado 20 de agosto coa actuación da Discomovil M Music e a Orquestra o Combo Dominicano e aos que nos seguintes días sumaranse grandes grupos como America de Vigo, os Camachuelos, Fussión ou a Orquestra Saudade.

“O plan de autoproteccion e a memoria confeccionados por técnicos especialistas buscan ademais de dar cumprimento á legalidade vixente, a evitación de calquera incidencia e dotar dunha resposta rápida e coordinada a aquelas que puidesen xurdir”, explican dende o grupo de goberno trivés.

Para o sábado día 20 contarase cun dispositivo coordinado de seguridade integrado pola Garda Civil, Protección Civil así como con vixilancia para o control de accesos e garantir a maxima seguridade aos asistentes sempre desde o respecto e o entendemento de que se trata de medidas de protección e non de restrición. Unha ambulancia sanitarizada estará dispoñible tamén para o evento así como a instalación de distintas medidas, como o corte de rúas, enfocadas todas elas en que a festa transcorra sen riscos e con garantías que permitan un maior e mellor goce da mesma a todos os asistentes.

Desde a última hora da tarde do sábado, varios dispositivos de protección civil estarán a coordinar os distintos aparcamentos habilitados. Non se permitirá acceder aos espectáculos con recipientes de vidro, armas nin ningún outro elemento perigoso; os menores de idade deberán ir acompañados de polo menos un adulto e existirà control de aforo para evitar aglomeracións. Entre as distintas medidas que recolle o plan inclúese a posible evacuación en caso de emerxencia importante e os avisos aos servizos de emerxencia sobre posibles problemas que poidan ocorrer, tal e como adianta o Concello de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button