O novo Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 constitúe unha estratexia clave para consolidar á comunidade como unha potencia no ámbito do turismo de saúde e benestar, tanto a nivel estatal como europeo. “Galicia Calidade ten unha das súas manifestacións no termalismo, un tesouro que é unha marca de identidade e unha oportunidade”. Así o aseguraba o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo director de Turismo de Galicia, o valdeorrés Xosé Manuel Merelles, na presentación deste plan que tiña lugar este mediodía no Teatro Principal de Ourense, un acto que reunía a diferentes autoridades, entre elas o presidente do Parlamento de Galicia, o presidente da Deputación de Ourense ou o delegado do Goberno en Galicia.
Durante a presentación do plan, Rueda salientou que este documento, co que se pretende sentar as bases para seguir modernizando, diversificando e fortalecendo un sector clave tanto para o turismo e a economía galegas, estará dotado de “10 millóns de euros”.

Galicia é a segunda rexión de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais e conta co 20% da oferta termal de toda España. O presidente da Xunta asegurou que o termalismo ten un papel protagonista no auxe da desestacionalización do turismo na comunidade, un dos obxectivos que se enmarcan na Estratexia de Turismo de Galicia 2030 do Goberno galego. De feito, máis do 60% das visitas realízanse fóra da temporada alta.
Rueda resaltou que o termalismo é fundamental para seguir atraendo turistas a Galicia “de forma ordenada e con sentidiño”. “Somos unha terra acolledora, aquí non sobra ninguén”, indicou para defender a promoción do termalismo desde o punto de vista “social, sanitario e empresarial”.
Catro grandes eixos
O novo Plan estrutúrase arredor de catro grandes eixos estratéxicos que marcarán a folla de ruta nos próximos anos. En primeiro lugar, ponse o foco no coñecemento e a innovación, mediante a creación dun observatorio de investigación, manuais de boas prácticas e programas de formación especializada, co obxectivo de facer o sector máis sostible e rendible.
O segundo eixo céntrase no investimento e modernización, incluíndo unha partida de 8 millóns de euros destinados a mellorar as infraestruturas e servizos existentes, así como para a creación de novas instalacións que completen a oferta actual. O terceiro eixo aposta pola xestión e colaboración, promovendo unha coordinación efectiva entre as distintas administracións implicadas e aproveitando recursos como os fondos europeos Next Generation, que fan posible impulsar Plans Territoriais de Sostibilidade Turística na comunidade.
Por último, o cuarto eixo estará enfocado na promoción e diversificación do produto, con iniciativas innovadoras como o programa Galicia Spa Pilgrimage, que combina a experiencia do Camiño de Santiago coa oferta termal galega para ofrecer novas alternativas turísticas.
O termalismo, un sector estratéxico
Este plan, deseñado para executarse durante esta lexislatura e que busca reposicionar a imaxe de Galicia como referente internacional do termalismo, “complementarase na súa capacidade transformadora co compromiso institucional e a cooperación público privada, logrando así un destino cada vez máis competitivo, e sustentable, orientado ás necesidades de conexión coa natureza e benestar”, explicou o presidente provincial, Luis Menor, durante a súa intervención no acto.
Neste eido, defendeu “a innovación” que lle imprime a Deputación ao traballo realizado para desenvolver o termalismo na provincia, ao que cualificou como “sector estratéxico”. E amosou o seu convencemento de que “como xestores públicos temos a obriga de contribuír a captar investimentos para modernizar as infraestruturas existentes e crear outras novas”.
Así, en materia de innovación no eido termal, Luis Menor avanzou que a Deputación de Ourense acordou con ADIF a apertura da primeira oficina de información sobre termalismo situada nunha estación AVE en toda España: “Un espazo por e para os balnearios e cuxo obxectivo é que os centos de miles de persoas que anualmente pasan pola nosa Estación de tren teñan á súa disposición información termal, poidan acceder a promocións e sobre todo asocien a alta velocidade ferroviaria como posibilidade de mobilidade e proximidade aos balnearios de Ourense”.
Lembrou Menor que na provincia de Ourense “levamos traballado moito e ben, da man da cooperación institucional, para posicionarnos dentro dun sector que é parte da nosa idiosincrasia”, e fixo un repaso a accións singulares como os plans de sustentabilidade “Ourense Termal” e “Ourense colle velocidade”, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
Fixo un breve repaso o presidente da Deputación do labor realizado por parte da institución en materia de innovación en materia termal, sinalando que ademais de aprobar as bases do Programa de Termalismo Social Provincial (que incluirá a nova modalidade do “Termalismo Azul” para promover a lonxevidade saudable), realizáronse con éxito iniciativas como a que acolleu aos primeiros “nómades dixitais” en balnearios da provincia “e nas vindeiras semanas darase a coñecer un programa de respiro emocional ás persoas maiores afectadas pola DANA”, ademais de “propiciar un envellecemento saudable e unha lonxevidade envexable coas augas termais como nexo. Somos conscientes de que temos un tesouro baixo os nosos pés, en estado líquido e termal”.
Turismo termal
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, detallou hoxe en Ourense como o goberno central aposta por facer de Galicia “o mellor país para visitar” co investimento de case 200M€ nos últimos anos para transformar o sector turístico e modernizar os destinos na comunidade. Pedro Blanco explicou que este investimento suma as transferencias á Xunta e os investimentos propios do Ministerio de Industria e agradeceu a colaboración e a lealdade institucional ao resto de administracións implicadas para consolidar a recuperación do turismo en Galicia e avanzar na súa transformación ambiental, sostible e dixital.
O delegado significou que estes investimentos benefician a un de cada dous concellos de Galicia a través dos Plans de Sostibilidade Turística, unha iniciativa que o Goberno de España puxo en marcha tras a pandemia, en 2020. Desde entón, esta iniciativa permite que 43 zonas turísticas de Galicia formen parte desta modernización, que suma investimentos directos sobre o territorio e tamén nas empresas turísticas locais.
Pedro Blanco subliñou que, no marco desta gran transformación, o goberno sitúa o termalismo como un referente. O obxectivo é converter o turismo termal nunha experiencia máis sostible e integrada no territorio, e axudar, en paralelo, á dinamización económica e social destas zonas, a maioría delas rurais e afectadas polo fenómeno do despoboamento.
E indicaba tamén que nestes anos o Goberno, a través da Secretaría de Estado de Turismo do Ministerio de Industria, aprobou investimentos por valor de 13 millóns de euros no turismo termal de Galicia. Neste investimento inclúese no programa ‘Galicia destino termal de referencia’, que executa a Xunta de Galicia con 10,5 millóns de euros de fondos do Plan de Recuperación do Goberno.
Ademais, en colaboración coa FEMP, trabállase nestes momentos na transformación do turismo da Rede de Vilas Termais, asegurando que estas áreas se convertan en destinos sostibles e competitivos no ámbito global. Catro vilas termais galegas acollen o proxecto piloto deste plan de modernización.