
O avogado ourensán Alberto Novoa vén de ser elixido presidente da Federación de Áridos (FdA), principal patronal do sector dos áridos en España, por un mandato de dous anos. Esta designación sitúa tamén a Novoa como o representante da industria española ante a Unión Europea a través da Unión Europea de Productores de Áridos (UEPG).
Novoa agradeceu a confianza depositada nel e subliñou o seu compromiso de continuar fortalecendo a competitividade do sector, promovendo a sustentabilidade e defendendo os intereses das empresas españolas tanto a nivel nacional como no marco europeo. “É unha honra asumir esta responsabilidade nun momento clave para a industria dos áridos, no que a transición ecolóxica e a dixitalización son desafíos que debemos afrontar con decisión” –declarou Novoa–. O nomeamento de Novoa supón un recoñecemento ao talento e liderado galego, reafirmando a importancia de Galicia no panorama industrial español e europeo.
A Federación de Áridos, que engloba ás principais empresas do sector no ámbito nacional, desempeña un papel crucial na representación dunha industria estratéxica para o desenvolvemento de infraestruturas, a construción e a sustentabilidade ambiental. Con máis de 250 millóns de toneladas anuais de produción, os áridos constitúen a segunda materia prima máis consumida en España, despois da auga. A FdA lidera iniciativas en favor da economía circular, a redución de emisións e a integración paisaxística das explotacións, promovendo prácticas responsables que fortalecen o seu compromiso co medio ambiente e a sociedade.
No seu labor internacional, a Federación traballa da man da European Aggregates Association (UEPG) para garantir que as políticas europeas favorezan a competitividade e a sustentabilidade do sector. A participación activa neste organismo permite á industria española estar aliñada coas normativas comunitarias, anticipar retos globais e reforzar o seu peso no mercado europeo.
No ámbito galego, Alberto Novoa colaborou estreitamente coa Asociación Galega de Áridos (ARIGAL), da que é presidente e que agrupa ás principais empresas do sector en Galicia. ARIGAL destaca por fomentar a innovación, a formación e a sustentabilidade nas explotacións galegas, consolidando a rexión como un referente en boas prácticas ambientais e eficiencia produtiva.
Foto cedida.