
Rubén Rodríguez vén de ser seleccionado como o Vendedor do Ano da Once durante 2024 en Galicia. Un galardón co que a organización recoñece o esforzo dos traballadores e traballadoras dedicados á venda dos seus diferentes produtos de loterías sociais, seguras e responsables, en especial pola súa actitude no seu posto de traballo, a implicación cos clientes ou o compromiso co labor social da Once
Rubén recollía o seu recoñecemento nunha gala celebrada na Delegación da Once na Coruña, na que foi elixido entre un grupo de nove vendedores finalistas de toda a comunidade autónoma. Segundo explica, “é un recoñecemento que me emociona moito aínda que non mo esperaba para nada, porque seguro que en Galicia hai vendedores mellores que eu”, asegura con humildade mentres loce un cupón da ONCE serigrafiado coa súa imaxe, un recordo para sempre.

Rubén comezou a traballar como vendedor da ONCE o 18 de maio de 1993 e desde entón sempre o fixo no seu punto de venda á entrada do Complexo Hospitalario de Ourense. Como el di, “somos parte xa do mobiliario urbano: o barrendero, o quiosquero da prensa ou eu”. Esta cotiandade permítelle desenvolver a faceta que máis lle gusta do seu traballo, que é o contacto coa xente. “Si, aquí hai moitos clientes que son amigos. Ademais vai facer agora 13 anos que vivo no barrio, polo que á parte de traballar pois compro o pan, tómome o meu café, fago toda a vida aquí e son un máis no barrio, claro”. “Encántame o contacto coa xente, encántame a venda, a rúa”, conclúe Rubén mentres segue facendo o que máis lle gusta: repartir a sorte entre a xente.