EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O pai da viticultura biodinámica, nos 4º Encontros Axenda 2030 do CEIDA

Celebraranse no Castillo de Santa Cruz (Oleiros) os próximos, 7 e 8 de xullo e contarán coa presenza de expertos en materia de viticultura

 

“O Cultivo da Vide nas Reservas de Biosfera” é o título da cuarta edición dos “Encontros Axenda 2030 – Traballando polos ODS”, que organiza o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), co apoio da Deputación de Coruña. Un evento que busca dar a coñecer o concepto de Viticultura Biodinámica e de poñer en valor o papel dos solos e a paisaxe nos sabores e matices do viño.

A xornada céntrase en reflexionar sobre modalidades de consumo e produción sostibles e de como afrontar os retos expostos dentro do ODS 12. Nela destacarase o papel da natureza e de figuras como a Reserva de Biosfera como impulsoras de novas formas de produción primaria sostibles e como reservorios de biodiversidade xenética. Durante as sesións, presentaranse experiencias de produción sostibles con posibilidade de ser replicables noutros territorios.

 

 

As xornadas comezarán o día 7 de xullo ás 10:00 da mañá no Castillo de Santa Cruz (Oleiros) e contarán coa presenza online de Nicolás Joly e Virginie Joly, pioneiros da Viticultura Biodinámica no mundo. Tamén participará como relator Guillaume Barrier, director técnico de Pagos de Brigante, quen falará das alternativas naturais aos pesticidas.

Así mesmo, no decurso do encontro terase a oportunidade de coñecer as experiencias de Alfredo Maestro e Laura Montero que falarán das novas tendencias en viticultura. Tamén se analizará como as Reservas de Biosfera poden dar valor engadido ao viño e actuar como reservorio xenético de variedades de cultivo da man de Alejandro Paadín.

A xornada divulgativa é aberta e gratuíta para todos os interesados, pero é necesario inscribirse previamente a través do formulario existente na páxina web www.ceida.org.

 

Back to top button