DeportesPiraguismoÚltima hora

O piragüista valdeorrés Adrián Prada suma dous novos podios internacionais sénior

Representaba novamente a España na pasada fin de semana logrando un bronce e unha prata en K-4

 

Excelente tempada para o valdeorrés Adrián Prada Pérez. Tras quedar a un paso do bronce no Campionato de Europa de maratón sénior que se celebraba a finais de xuño en Pitesti (Romanía), este piragüista volvía representar a España na pasada fin de semana e, desta volta, colgábase dúas medallas tamén na categoría sénior.

Así, o sábado 4 de xullo participaba no XXVII Gran Premio Internacional Trofeo Ciudad de Valladolid, que se desenvolvía no río Pisuerga. A cita reunía a algunhas das principais seleccións europeas, entre elas as de Hungría, República Checa, Alemaña, Dinamarca, Portugal, Gran Bretaña e España. Así contábase cun elevado nivel competitivo.

 

 

Neste marco, o K-4 sénior do padexeiro barquense que representaba a España (formado por Carlos Garrote, Adrián Prada, Adrián Martín e Joaquín Iglesias), conquistaba o bronce. O título correspondíalle aos checos, cun tempo de 19 minutos e 16 centésimas; mentres que en segunda posición quedaba Portugal (19:17) e na terceira España, cun rexistro de 19:40.

Ao día seguinte, Adrián Prada volvía subirse ao K-4, nesta ocasión para competir na 63ª Regata Internacional Sanabria e Nacións Autonómicas, na que o barco español (cos mesmos piragüistas que en Valladolid)  facíase co subcampionato da proba. Só eran superados polo equipo nacional de Chequia, que completaba a distancia de 5.000 m en 00:16:27,33, mentres que o K-4 español tiña unha marca de 00:16:32,75.

Fotos: loispradaf.

 

Back to top button