ConcellosRibas de SilÚltima hora

O pleno de Ribas de Sil abordará os orzamentos para o 2026, con 2M€

Son os orzamentos máis altos da historia deste concello, cun incremento dun 45% con respecto aos do 2025", segundo o alcalde, Robero Castro

O alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro convocará ao pleno municipal para o vindeiro mércores 29 de Abril ás 13:00 hs. O asunto principal desta sesión é a aprobación dos orzamentos para este exercicio 2026. “Con 2.033.300 euros son os orzamentos máis altos da historia deste concello, cun incremento dun 45% con respecto ós orzamentos do 2025. Inclúen inversións por importe de 823.373.69 euros, procedentes de diversas administracións, Fondos europeos, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo”, explica o rexedor socialista.

Este ano como principal novidade, prosegue, inclúense os traballos de xestión do Monte da Escrita, Moá e Cerengo. “A Comunidade de Montes quedou sen comuneiros e o concello asumiu a xestión cautelar deste monte tras unha proposta da Dirección Xeral de Montes da Xunta de Galicia. Ribas de Sil é o primeiro concello de Galicia en asumir a xestión cautelar dun monte. Como consecuencia delo incorpóranse aos orzamentos municipais os 88.782,48 euros cos que conta esta comunidade. Estes cartos invertiránse íntegramente no territorio que abrangue esta comunidade, este é o compromiso adquirido polo alcalde na sesión plenaria onde se aprobaba que o concello se facía cargo da xestión cautelar do monte”.

Dentro das inversión previstas neste proxecto de orzamentos, Roberto Castro destaca as seguintes:

  • 105.000 euros para crear na “Horta do Cura” un espacio de lecer con mellora da accesibilidade, construcción de cancha de fútbol, arranxo da fonte, zona de barbacoas e parque biosaudable.
  • 250.000 euros nun convenio coa Deputación de Lugo que inclúe compra de terreos, unha varredoira, unha rozadoira forestal, novos stands para a festa da cereixa, luces de nadal, uns aseos na praia fluvial, butacas para o salón de actos do concello, un novo vehículo para a brigada forestal e unha escollera no Castro de Abaixo.
  • Melloras en estradas e pistas do concello en Figueiredo, Soutordei, Nogueira, A Redondela por importe de 132.762,72 euros.

Tamén  se refire ás obras para dotar á casa do ladrillo dun novo teito e a reconstrucción da balconada. Estas obras suporán unha inversión de 60.500 euros.

Por outra banda, os Fondos europeos do Plan Leader financiarán a creación dun espazo de lecer nas inmediacións da residencia da Terceira idade para uso e disfrute de veciños e usuarios da residencia, segundo o alcalde. O terreo onde se ubicará este parque foi adquirido polo concello recentemente. Ten unha extensión de case que 1000 m2, e ademáis de paseos, bancos, papeleras, etc.. incluirá pequenos hortos urbanos. Neste caso a inversión prevista será de 36.222,22 euros.

Tamén se inclúen nos orzamentos, “as adquisicións de materiais para o Obradoiro de emprego por importe de 27.900,16 euros. Neste caso se realizarán obras de acondicionamento das fontes da Ventosa, San Román e As Fontes, así como a creación dunha aula de formación no edificio vello do concello e pequenas actuacións no CEIP de San Clodio. Todas estas actuacións se executarán mantendo o concello nunha situación económica completamente saneada con débeda 0”, asegura Castro.

Noutros puntos da orde do día destaca tamén levar a cabo realizar os trámites para acadar a declaración de utilidade pública da construcción dunha EDAR en San Pedro, cunha inversión de máis de 300.000 euros.

Back to top button