ConcellosO BarcoÚltima hora

O pleno do Barco abordará a eliminación do francés na Escola Oficial de Idiomas da vila

 

 

Na sesión plenaria de maio que a Corporación do Barco celebrará na tarde deste xoves 6 de maio incluirase unha declaración institucional pola que este “Concello oponse á eliminación do servizo de formación de francés na Escola Oficial de Idiomas” deste municipio, situada no IES Lauro Olmo, tras o anuncio “por parte da Consellería de Educación.

Dende que comezou a funcionar, a sección da Escola Oficial de Idiomas do Barco, sempre gozou dun departamento propio, provisto dun espazo de uso exclusivo habilitado no centro educativo IES Lauro Olmo, para ser utilizado segundo as súas necesidades. O seu funcionamento, se ten asumido sempre coma un gasto máis do centro, sen unha partida específica destinada á Escola, facéndose cargo tanto das fotocopias, que se contan por milleiros cada curso, como da limpeza, mantemento, auga, luz, etc.”, di a declaración institucional. 

Indicando ademais que “o pasado luns día 20 de abril, unha chamada telefónica da Consellería de Educación advertiu á sección da Escola Oficial de Idiomas do Barco de que a partires do vindeiro curso, non poderían impartir o idioma francés. Non houbo comunicación oficial, nin xustificación que acompañe tal decisión, nin explicación algunha, despois de máis de 25 anos impartindo clase”.

Ante isto, a declaración institucional do Barco apunta que “tendo en conta que tódolos gastos son asumidos polo centro onde ten a súa sede a sección da Escola Oficial de Idiomas do Barco, e que ao organismo oficial do que depende, a Xunta de Galicia, non lle supón un gasto que xustifique a eliminación dun dos dous idiomas que a través dela se imparten, que os 15 alumnos que estudan o idioma francés na actualidade, non poderían continuar os seus estudos, o Concello do Barco oponse á eliminación do servizo de formación de Francés na Escola Oficial de Idiomas do Barco de Valdeorras”.

Así mesmo o texto incide en que “hoxe queren eliminar o francés, mañá podería ser tamén o inglés. Se permitimos que se continúen suprimindo servizos do noso territorio, tan esenciais coma a formación en idiomas, estaremos contribuíndo directamente a limitar o futuro da viabilidade das empresas louseiras, o maior sustento económico desta comarca e un dos máis destacados da provincia, e o futuro profesional dos nosos veciños, reducindo as súas capacidades, e acentuando a desigualdade educativa, abrindo a porta á posible supresión de outras prestacións xa consolidadas na nosa vila, como é o caso que nos atinxe”.

Back to top button