ConcellosÚltima hora

O pleno do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, celebrado en Chandrexa, aproba un orzamento de 220.400 € para o 2025

 

O Concello de Chandrexa de Queixa era escenario neste mediodía da derradeira sesión plenaria do 2024 do Consorcio de Turismo na Ribeira Sacra. Deste xeito, a entidade continúa a rolda polos concellos que veñen de incorporarse ao consorcio. O alcalde do Concello de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, era o encargado de aperturar a sesión, na que agradeceu a ampla presenza dos concellos e fixo fincapé no importante que é para un concello pequeno coma este pertencer á Ribeira Sacra e acoller este tipo de xuntanzas.

Entre os asuntos a tratar e con aprobación por unanimidades de todos aqueles que requirían votación, estaban o orzamento para o vindeiro ano 2025, que ascende a 220.400 € (achegas concellos e entidades; convenio Deputacións de Lugo e Ourense; Convenio xeodestino Axencia Turismo de Galicia). A esa contía hai que engadirlle o que resta de execución do Plan de Sostibilidade 2020-2025 e o novo Plan de Sostibilidade 2024-2026 que dará comezo en xaneiro e que achega 2 millóns de euros distribuidos en 4 eixos (achégase táboa). O presidente do Consorcio e alcalde de Sober, Luis Fernández, resaltaba que “somos o único destino en Galicia, e dos poucos de España, que conta con dous Plans de Sostibilidade Turística”.

Así mesmo saía adiante por unanimidade a aprobación de tres contratos que corresponden ao Consello Reitor ao superar o 10% dos recursos ordinarios da entidade. Un deles era o expediente 56/2024 (Acondicionamento de rúa en Quinta do Monte – PR-G 4 Camiño Real – Esgos).

“O primeiro dos expedientes correspóndese cunha pequena obra no núcleo da Quinta do Monte, no Concello de Esgos. Por este punto transcorre a ruta de sendeirismo homologada do Camiño Real de San Pedro de Rocas. Unha das máis lonxevas de Ribeira Sacra e das máis transitadas pola súa idoneidade para todos os públicos”, indican dende o consorcio. Forma parte das actuacións do primeiro dos Plans de Sostibilidade Turística, da liña “embelecemento de núcleos”. O valor estimado do contrato ascende a 24.793,39 €. máis IVE.

O segundo dos contratos (Expte. 57/2024-Contratación de dous técnicos en turismo 2024-2026) correspóndese coas Bases que rexen a convocatoria para o proceso de selección de dous técnicos en turismo para o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra ao amparo do “Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra. Compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua”.

Trátase de dúas prazas de técnico en turismo a xornada completa, en réxime de persoal laboral temporal, por un periodo de 17 meses. Sería o persoal que, como no primeiro dos plans, darán apoio á xerencia nas funcións asociadas ao PSTD. O importe de contratación é de 75.000 €.

O último dos contratos aprobados (Expte. 58/2024-Proxecto piloto de sinalización intelixente en Ribeira Sacra) ten por obxecto a contratación dun sistema de sinalización intelixente a través de teléfono móbil común a todos os concellos que conforman o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Durante o ano 2025, o obxecto do presente contrato comprenderá “o deseño e implantación dun sistema de sinalización intelixente a través do uso de balizas Bluetooth. A creación dunha aplicación móbil que facilite o acceso aos seus recursos naturais, patrimoniais, culturais e gastronómicos da Ribeira Sacra a través das novas tecnoloxías, nomeadamente os teléfonos móbiles e tablets”, adianta o consorcio. Tamen se incluirá a súa implantación efectiva nos concellos de Esgos, Montederramo, Paradela e Portomarín, tal e como se acoradara no pleno celebrado en febreiro de 2021 de distribución de fondos do PDT; a elaboración dun plan de implantación para os 25 concellos que conforman o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, e o importe estimado do contrato que se licitará por procedemento aberto é de 39.876,03 €.

Por outra banda, no decurso do pleno dábase conta das xestións que se están a facer co Bispado de Lugo para mellorar accesibilidade ás igrexas románicas da parte lucense. “A idea é iniciar un proxecto piloto de apertura para o que se están definindo as condicións dun convenio de colaboración”, sinala o consorcio.

Concesión de subvención Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial

Tamén se indicaba no pleno que o Consorcio concorremos a esta convocatoria co proxecto “Estratos na terra”. “Con el pretendemos contribuír á valoración e uso das técnicas de construción tradicionais da Ribeira Sacra. Proponse usar unha metodoloxía baseada na recollida e rexistro da transmisión oral, facer unha cartografía social da materialidade dos oficios tradicionais e poñer en común o uso destas técnicas na actualidade. Nos vindeiros días tramitaremos invitacións para participar no contrato menor e iniciar os traballos previstos que nos permitan executar no prazo establecido (ata 31 de decembro de 2025)”, explica este organismo.

Ademais, informouse do estado de execución do primeiro dos plans de sostibilidade e do contexto no que se atopan as xestións para os investimentos en mobilidade. E o presidente tamén daba conta de que o Consorcio vén de ser nominado aos Premios Mencey Futurista de Honor 2025 na categoría Premio Destino Rural Emblemático de España polo Foro para Empresarios y Profesionales del Turismo de España. Coñecererase o veredicto na próxima edición de FITUR.

Remataba a sesión cun xantar e brindes de Nadal con todos os membros do Consorcio.

Back to top button