OurenseÚltima hora

O “Pop Up Market” de Ourense recibiu a máis de 25.000 visitantes en catro días

De entre os 48 expositores, 40 eran menores de 41 anos e o resto exercen a súa actividade en Ourense
Foto de grupo da organización do mercado.

A primeira edición do “POPUp Market de Nadal” do Concello de Ourense converteuse “nunha das actividades máis participativas e exitosas das festas de Nadal da cidade”, aseguran dende o consistorio. Segundo informan, un total de 25.000 persoas visitaron a carpa da Alameda ao longo dos catro días que durou. Este mercado de Nadal deu a oportunidade de promocionar e comercializar os seus produtos a preto de 50 emprendedores ourensáns. Asemade, esta iniciativa achegou ao público ourensán concertos, obradoiros, charlas e outras actividades para nenos e adultos “nunha experiencia pioneira que enriqueceu a oferta de lecer da cidade durante estas festas de Nadal”.

Unha carpa en forma de iglú de 1.000 metros cadrados foi o espazo escollido para organizar as actividades e o mercado. Esta envergadura convérteo, din dende o Concello, no mercado de Nadal en formato “pop up store” máis grande levado a cabo en Galicia até o momento.

De entre os 48 expositores, un total de 40 eran menores de 41 anos , e os outros 8 son ourensáns ou xente que desenvolve a súa actividade en Ourense.

Segundo fontes do Concello de Ourense, todos os aspirantes valoraron “moi positivamente” a experiencia e a organización, destacando a beleza do espazo e as actividades paralelas para todos os públicos, así como o volume de vendas que, aseguran, superou as expectativas iniciais. Isto tradúcese no desexo transmitido polos participantes de repetir en futuras edicións, nas que tamén amosaron o seu interese máis emprendedores.

Artigos relacionados

Back to top button