
A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), en colaboración coa Deputación de Ourense e Cociñeiros Ourense, organiza durante o mes de decembro unha serie de degustacións en distintas prazas de abastos da provincia. A iniciativa enmárcase na segunda fase do roteiro “Mercado en Rural con Porco Celta”, que regresa tras o éxito da primeira edición celebrada en abril.
Así, este venres 12 de decembro o Porco Celta volverá ser protagonista no Barco de Valdeorras, coincidindo coa plena tempada de Nadal. Na degustación de 12 a 13:30 horas participará o chef ourensán Alberto Fernández, responsable do restaurante Pallabarro de Allariz, que sorprenderá ao público con dúas elaboracións nas que tradición e innovación se darán a man, “Croqueta de lacón de Porco Celta con grelos” e “Bao de chuleta de Porco Celta, repolo e mencía”.
“Mercado en Rural con Porco Celta” intégrase na campaña de promoción “Tan noso”, coa que Asoporcel rende homenaxe á identidade, á terra e á cultura galega. Cunha traxectoria de máis de 25 anos na recuperación e posta en valor da raza, a asociación procura destacar o Porco Celta como símbolo de compromiso co territorio e coa nosa gastronomía.
