Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

O PP critica “o abandono das infraestruturas de competencia estatal en Valdeorras”

O número11 da lista popular pola provincia, Xosé Manuel Merelles, comparecía en rolda de prensa xunto á conselleira de Infraestruturas, o alcalde de Ponferrada e un dos deputados populares do Congreso por Ourense

 

A situación das infraestruturas na comarca de Valdeorras centraba a rolda de prensa que ofrecía esta tarde na sede do PP do Barco o número 11 da candidatura popular ás eleccións galegas, o valdeorrés Xosé Manuel Merelles, acompañado pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; polo deputado no Congreso, Celso Delgado Arce; así como polo alcalde de Ponferrada, Marco Morala, a alcaldesa de Carballeda e deputada provincial María Carmen González e polo voceiro popular no Barco, Manuel Núñez.

“Se Valdeorras ten o sambenito de que está lonxe, cremos que está lonxe tamén pola deficiencia en certas infraestruturas vitais para o seu desenvolvemento e para a comunicación da propia comarca, tanto co resto de España como co resto de Galicia. Todos coñecemos o estado de abandono da N-120 e do ferrocarril que nos une con Madrid ou co resto de Galicia. Un abandono que se viu incrementado despois da pandemia sen recuperación de servizos e que cremos que é unha eiva fundamental para o desenvolvemento económico da comarca. Nese senso cremos que tamén, tanto o desenvolvemento industrial como toda a proxección turística que podería ter a comarca, estase vendo prexudicado polo estado das infraestruturas”, dicía Xosé Manuel Merelles.

 

 

Ao seu carón, o deputado popular no Congreso, Celso Delgado, viña a “denunciar claramente o abandono do estado das infraestruturas da comarca de Valdeorras, por parte do goberno socialista coa colaboración do BNG porque, aínda que non está no goberno, co seu voto apostou pola investidura de Pedro Sánchez”. Ademais centraba as súas crítica na “falta de rehabilitación integral do firme do N-120 que presenta un mal estado” e en que nesta mesma estrada “están sen licitar os carrís de adiantamento do Alto da Guítara ata Ourense”; así como na situación da circunvalación do Barco, cuxo “prazo contractual era setembro de 2022, cando tiña que estar rematada e esta estrada de 5,7 km a día de hoxe está a un 40% e isto realmente é unha acreditación de que nin se están facendo ben as cousas nin Valdeorras é unha prioridade para o goberno de Pedro Sánchez”. Finalmente, aludía aos retrasos na A-76 e ao corredor atlántico de mercadorías, “no que a día de hoxe non existe nin un plan director do mesmo, o que significa que nin hai investimentos nin un prazo de execución”.

 

 

Pola súa banda, o alcalde de Ponferrada, Marco Morala, quen falaba da falta de investimentos “en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias nesta zona”, con referencias concretas á conexión por autovía entre Ponferrada e Valdeorras, “algo que revitalizaría economicamente ambas zonas” e ás súas consecuencias á hora de “fixar poboación e actividade económica nestas comarcas”.

Finalmente, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, aseguraba que as “infraestruturas viarias e ferroviarias de competencia estatal están condenando a esta comarca a un illamento inxusto e isto lastra a competitividade desta comarca e tamén a calidade de vida, estamos a falar dunha comarca de duns 25.000 habitantes, cun potencial enorme coa industria da lousa, do viño e dende o punto de vista turístico e todos estes esforzos non se ven recompensado nas infraestruturas que dependen do goberno do Estado. Non o vemos nin coas novas infraestruturas nin co mantemento das infraestruturas actuais”. Vázquez aseguraba que no caso da A-76 “non pasamos do cartel ao asfalto por falta de vontade política” nunha “infraestrutura que nós consideramos estratéxica. Pola contra no PP estamos loitando pola comarca de Valdeorras e somos o garante de que se salde esa débeda histórica coa comarca de Valdeorras en materia de infraestruturas de competencia estatal e dentro das nosas competencias, o noso compromiso de seguir avanzando en infraestruturas como é a estrada OU-533”.

Artigos relacionados

Back to top button