PolíticaÚltima hora

O PP de Ourense estará representado por 265 compromisarios no congreso galego de xullo

Do total de representantes, 213 serán elixidos entre os afiliados das 92 xuntas locais da provincia, cuxo reparto foi aprobado hoxe polo Comité Executivo

O presidente do PP de Ourense na reunión do comité executivo celebrada hoxe.

 

O Comité Executivo do Partido Popular de Ourense aprobaba hoxe o reparto dos 213 compromisarios que, en representación das 92 xuntas locais desta formación na provincia, participarán no congreso autonómico do PPdeG que se celebrará en Pontevedra os días 16 e 17 de xullo. Será unha delegación á que se engadirán outros 52 representantes na súa condición de compromisarios natos, entre eles os 50 membros da xunta directiva autonómica e dúas persoas máis: Patricia Torres e a valdeorresa Patricia Lamela (alcaldesa de Larouco), ambas as dúas na comisión organizadora do congreso galego.

Con este trámite, os populares ourensáns cumpren co establecido no regulamento do XVII Congreso do PPdeG, que establece como competencia de cada un dos comités executivos provinciais a distribución dos compromisarios asignados ao seu territorio.

O presidente provincial, Manuel Baltar, subliñou que “unha vez máis demostramos a nosa capacidade de resposta inmediata para poñer en marcha calquera proceso, sexan congresos do partido ou convocatorias electorais, grazas a unha estructura perfectamente organizada e sobre todo sempre activa, aínda en momentos complicados como os que vivimos, o que nos permite ser de novo a primeira formación popular de Galicia en cumprir este trámite”.

No reparto dos 213 compromisarios ourensáns que participarán no congreso, o maior número de representantes corresponderá á xunta local de Ourense, con 33 persoas, seguida das agrupacións de Verín e Xinzo de Limia cada unha con 13. No Carballiño elixirán a 8; no Barco de Valdeorras e Celanova a 5; e nos Blancos, A Bola e Ribadavia serán 4 os representantes. Oito xuntas locais terán 3 compromisarios; 25 agrupacións contarán con 2; e o resto ata completar unha lista de 50 xuntas terá un compromisario.

Artigos relacionados

Back to top button