PolíticaÚltima hora

O PP de Ourense suspende o pacto de goberno con Democracia Ourensana

Así o anunciaba o grupo municipal popular na cidade esta mañá en rolda de prensa

No mediodía deste 8 de setembro o grupo municipal do PP da cidade de Ourense convocaba á prensa para facer pública “a suspensión temporal do pacto de Goberno con Democracia Ourensana”.

Tras as eleccións locais do 2019 en Ourense, o “pacto PP de Ourense-Democracia Ourensana era o único que ofrecía unha maioría suficiente de goberno nas dúas principais institucións de Ourense. Era un pacto asinado por responsabilidade, un acordo de estabilidade, de gobernabilidade, e, en definitiva, positivo para os intereses da nosa cidade”, comezaban dicindo os populares.

Para, deseguido, indicar que “nas últimas semanas, esta maioría viuse comprometida por problemas internos xurdidos no grupo do alcalde. Un goberno, e máis aínda un goberno de coalición, tense que basear no principio irrenunciable da confianza”. Unha confinza, sinala o grupo municipal do PP de Ourense, que “hoxe quebrouse. O grupo do alcalde rompeuse. Varios concelleiros verteron acusacións moi graves contra el, que requiren unha explicación inaprazable.
Non podemos entender a pasividade do alcalde ante unhas afirmacións que poñen en dúbida a súa honestidade e a súa honorabilidade”.

Nese senso, os populares cren que “o alcalde converteu unha crise interna do seu partido nunha crise de gobernabilidade no Concello de Ourense. E o PP non vai ser cómplice desta situación.
Por iso, hoxe queremos anunciar que tomamos a decisión unánime, como grupo, de suspender este acordo, ante a situación que se xerou e que o alcalde demostrou non ter capacidade para solucionar. Por iso, adoptamos a decisión unánime de renunciar, no día de hoxe, ás competencias que tiñamos asignadas”.

Asimesmo apelan á responsabilidade do alcalde “para poñer fin a esta situación absolutamente anómala”.

 

Artigos relacionados

Back to top button