PolíticaÚltima hora

O PP do Barco leva a pleno unha moción para aumentar a plantilla da Policía Local e pedir un posto principal da Garda Civil

O voceiro municipal do PP do Barco, cos concelleiros do seu grupo, durante un pleno./ Foto: O SIL.

 

O grupo municipal do PP do Barco defenderá no vindeiro pleno ordinario de xaneiro, previsto para o día 16, unha moción sobre seguridade cidadá no municipio. “Os veciños e veciñas do Barco de Valdeorras sufrimos desde hai demasiado tempo unha onda de roubos e vandalismo. Roubos en casas particulares, negocios e vehículos. Actos vandálicos contra a propiedade privada, mesmo contra o mobiliario urbano en varias ocasións. Tráfico e consumo de estupefacientes en plena vía pública, liortas nas zonas de lecer nocturno, etc.”, comeza dicindo a moción, que asina o concelleiro Antonio Melo, que é ademais o voceiro municipal do PP.

Así mesmo, no texto da iniciativa sinálase que “as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Policía Local e Garda Civil no caso do noso Concello, traballan a diario para garantir a nosa seguridade, a nosa liberdade e o goce dos nosos dereitos. É a segunda vez en poucos meses que se expón neste pleno a escaseza de patrullas polas rúas, especialmente a diario en horario nocturno, onde se reduce a unha parella da Garda Civil, a cal debe cubrir varios concellos ao mesmo tempo. O persoal da Policia Local segue sendo escaso, cun numero insuficiente de axentes para unha poboación de case 14.000 persoas. A Garda Civil non está en mellor situación, para unha zona cuxa poboación rolda os 20.000 habitantes e cunha gran extensión xeográfica, conta tamén cun número insuficiente de efectivos, ata o punto de que moitas noites non hai patrullas de Tráfico e os demais axentes cobren toda a zona con tan só unha patrulla nocturna”.

Ademais, o concelleiro popular lembra que en maio do ano 2024, o grupo municipal xa presentara no pleno unha moción sobre este mesmo tema, que “foi rexeitada cos votos en contra do Grupo de Goberno Socialista, chegando mesmo a cualificarnos de catastrofistas e alarmistas”.

Neste senso, a moción do grupo municipal do PP do Barco propón que se tome un acordo para adecuar “as instalacións da Policía Local e o incremento do persoal no número de efectivos necesarios para un correcto servizo ao cidadán”. Ademais de solicitar “ante o organismo correspondente a creación dun posto principal da Garda Civil no Barco, dotándoo dos servizos e efectivos necesarios e suficientes”.

Artigos relacionados

Back to top button