PolíticaÚltima hora

O PPdeG reclama ao goberno central que “cese na súa pretensión de eliminar paradas de bus estatais en 22 concellos”, entre eles A Rúa

Os populares galegos denuncian que a reestruturación prevista afectaría a máis de 130.000 veciños e que, polo tanto, esta decisión "é inadmisible para estes municipios polo seu gran impacto social, económico e territorial"

 

O Partido Popular de Galicia reclama ao goberno central que “garanta a mobilidade nos concellos galegos asegurando o mantemento das 22 paradas que o novo mapa de concesións de liñas de autobús estatais pretende suprimir e recuperando as xa suprimidas”, tal e como vén de comunicar a través de nota de prensa.

Con este obxectivo os populares presentarán unha moción en todos os concellos afectados e organizarán recollidas de firmas entre a veciñanza dos mesmos. Unha acción encabezada polo coordinador de Infraestruturas e Territorio do PPdeG, Antonio Ameijide.

“O Goberno central debe garantir por lei a maior conectividade posible nas zonas rurais, ademais de dotar orzamentariamente e de forma suficiente os novos mapas concesionais para garantir o servizo de transporte público”, defenden sinalando que que a reestruturación de liñas de autobús estatais proposta vai no sentido contrario e ademais afectaría de xeito moi negativo aos veciños de 22 concellos galegos. En total, veríanse afectados máis de 130.000 galegos.

Nesta liña dendeo PP deG afirman que “o novo mapa concesional de transporte por estrada de competencia estatal no que traballa o Goberno de Sánchez suporía deixar aos concellos de Arzúa, Melide, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Baralla, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, Quiroga, A Pontenova, Trasmiras, A Mezquita, Ribadavia, Riós, A Rúa, Forcarei, Lalín, Tui, Silleda e O Porriño sen parada. De feito, neste último e noutros, as paradas da liña estatal xa foron suprimidas”.

“Esta decisión é inadmisible para estes municipios polo seu gran impacto social, económico e territorial”, conclúen desde o PPdeG e por iso na súa moción instan ás diferentes corporacións municipais a trasladar ao Goberno de España dúas demandas claras en nome dos seus veciños.

A primeira delas é “garantir a mobilidade dos veciños dos distintos municipios galegos retirando a proposta do mapa de concesións estatais de liñas de autobús, mantendo as paradas que se pretenden suprimir e recuperando as xa suprimidas”.

Seguidamente, “que calquera proposta que pretenda establecerse en relación con este servizo de mobilidade incorpore as demandas trasladadas desde Galicia para garantir así que se teñan en conta as peculiaridades xeográficas e de poboación da Comunidade e se preste especial atención ás conexións do e no rural”.

Os populares galegos consideran que esta proposta faise “desde a imposición, sen contar coas comunidades autónomas e sen atender nin ás alegacións presentadas desde Galicia nin ás peticións dos veciños afectados”.

Por iso consideran que “con este modo de entender o servizo público, Pedro Sánchez pon por riba do equilibrio territorial criterios económicos que só levan ao deterioro do transporte público e que van en contra de comunidades como Galicia, dos dereitos dos concellos do rural, da igualdade de oportunidades dos seus veciños e do obxectivo de acadar o asentamento poboacional”.

Artigos relacionados

Back to top button