O vindeiro martes día 1 de setembro, abrirase o prazo de inscrición nas diferentes actividades das Escolas Deportivas Municipais do Barco, programadas pola concellería de Deporte e Xuventude. Así o anunciaba na mañá deste xoves 27 de agosto o alcalde, Aurentino Alonso, destacando o elevado número de persoas que practican deporte no municipio. “Andamos preto dos 800 usuarios no que son as escolas deportivas, despois cada club ten aos seus deportista, a maioría deles federados. E logo na piscina climatizada ronda os 900 aproximdamente”, di, o que demostra que no Barco “hai moita actividade deportiva, porque despois tamén hai moita xente que a fai por libre”.
De feito as persoas maiores de 17 anos, teñen múltiples opcións para practicar diferentes disciplinas deportivas, como a ximnasia rehabilitadora ou de mantemento, esta última en dous niveis de dificultade (alto e baixo); ponte en forma, adestramento funcional, zumba, pilates, bailes de salón, ioga, e tai-chi terapéutico.
Os interesados deberán achegarse de forma presencial ao departamento de deportes, no 2º andar do edificio multiusos do Concello, en horario de luns a venres, de 9 a 14 horas, para recoller a folla de matrícula e unha taxa bancaria co DNI do alumno/a, indicando a escola na que desexan inscribirse. Para a adxudicación definitiva da praza, no prazo dunha semana, deberán facer entrega da taxa pagada (75 euros) e a folla de matrícula cumprimentada, na oficina de rexistro situada no 1º andar do mesmo edificio.
As Escolas Deportivas Municipais tamén ofrecen á veciñanza menor de 17 anos, opcións de matrícula en tres modalidades deportivas: ximnasia rítmica, zumba e multideporte. A inscrición nestas actividades segue o mesmo procedemento que para as actividades das persoas adultas, coa diferenza do prezo, que neste caso é de 50 euros para menores de 4 a 16 anos.

Folleto deporte base 2026-2027

Folleto Escolas Deportivas Adultos 2026-2027
O curso dará comezo o día 1 de outubro e prolongarase ata o 15 de xuño de 2027, coincidindo sempre co curso escolar.
Por outra banda, coma sempre os diferentes clubs deportivos do Barco, ofrecen a posibilidade de practicar outras disciplinas como fútbol, fútbol sala, karate, atletismo, baloncesto, tiro con arco, pádel, voleibol, patinaxe e hóckey patíns, boxeo e kick boxing e piragüismo. Cada un destes deportes está xestionado polo club deportivo ao que pertence, polo que as idades, prezos de matrícula así como funcionamento son diferentes en cada un deles.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.