EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O prazo para participar no Concurso do cartel da XLIII Feira do Viño de Quiroga rematará o 28 de febreiro

Botellas de viños participantes en edición anteriores da Feira do Viño de Quiroga./ Cedida.

 

O Concello de Quiroga ten en marcha o concurso de deseño para elixir o cartel anunciador da XLIII Feira do Viño de Quiroga, que se celebra o 19 e 20 de abril. No concurso poden participar todas as persoas maiores de 18 anos cun deseño orixinal e exclusivo. O tema central do cartel será a Feira do Viño de Quiroga, reflectindo a tradición vinícola, a cultura e os valores da comarca de Quiroga. Valoraranse tamén os elementos representativos do concello, como a súa paisaxe, os viñedos, a arquitectura e as festividades.

O deseño debe ser orixinal e inédito, cunha orientación vertical. O deseño deberá presentarse en formato físico, impreso en alta calidade, en tamaño A3 e cunha resolución adecuada para a súa reprodución.

O deseño, que incluirá o texto ““XLIII Feira do Viño de Quiroga” debe ser facilmente adaptable para a impresión e para a difusión en diversos medios e para a colocación de logotipos oficiais que o Concello de Quiroga considere e a frase “Quiroga, Concello de interese turístico” que será engadido por parte da imprenta.

Non se permitirá a inclusión de contido de carácter político, xenófobo, homófobo ou discriminatorio de calquera tipo no deseño do cartel, nin a utilización de ningún tipo de intelixencia artificial para o deseño e creación da obra.

 

 

Os traballos deberán ser presentados en formato físico nun sobre pechado no que se incluirá o cartel impreso en alta calidade, un documento explicativo que describa brevemente a inspiración e os conceptos principais do deseño e o título e un sobre pechado cos datos persoais do participante (nome completo, dirección, teléfono, correo electrónico e nome da obra).

As obras deben ser rexistradas e entregadas correctamente no Rexistro do Concello de Quiroga antes do 28 de Febreiro (en horario de Luns a Venres de 9:00h a 13:00h).

O deseño gañador, que se premiará con 450 €, un diploma acreditativo e unha botella de viño de cada unha das adegas participantes na feira desta edición, será empregado como cartel anunciador da XLIII Feira do Viño de Quiroga. O autor gañador deberá ceder unha copia dixital da súa obra ao Concello de Quiroga cunha resolución mínima de 300 pixeles por pulgada (ppp) e nos seguintes formatos: PDF, PNG, JPG ou TIFF.

Os participantes someteranse á decisión do xurado, que terá en conta a orixinalidade e creatividade, a representación da temática do concurso, a calidade técnica e estética do deseño e a capacidade de adaptación do deseño para a súa difusión en distintos medios.

Back to top button