CulturaCulturaÚltima hora

O pregón do empresario José Prada abrirá o programa festivo do Cristo 2024 no Barco

O acto está previsto para as 21h. deste 13 de setembro na praza Maior da vila

Cedida.

 

Nas súas lembranzas da nenez e da mocidade na vila do Barco, onde nacía un 28 de outubro de 1955, falará no seu discurso como pregoeiro das Festas do Cristo 2024 o empresario José Antonio Prada Muradás. Será esta tarde a partir das 21h. na praza Maior do Barco, nun acto que marcará a apertura oficial destes festexos, que terán o seu día grande o 14 de setembro.

Malia que con 9 anos abandonaba O Barco, xunto a súa familia, nunca perdeu a vinculación coa súa terra natal. Persoa emprendedora, Prada Muradás formouse en peritaxe mercantil na Escola de Comercio da Coruña e, despois de completar a súa formación académica, comezaba a traballar co seu pai na empresa familiar dedicada ao transporte, primeiro de mercadorías, e despois de viaxeiros.

Tras o falecemento do seu pai, asumía a presidencia da Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A. Entre outros cargos que ten asumido, foi presidente durante vairos anos da Asociación Nacional de Empresas de Transporte Urbano, con sede en Madrid.

Casado con Norma Vázquez, con quen tivo tres fillos, ten coma paixóns o ciclismo e o baloncesto, que comezou a practicar no Barco, e tamén o golf. Outra das súas paixóns é a cociña.

“Este ano o Concello do Barco quere renderlle homenaxe a José Prada por todos os éxitos empresariais que, tanto el como a súa familia, levan acadado, pero tamén pola súa implicación, sempre altruísta, coa terra que o viu nacer”, indican dende o Concello.

 

 

 

Back to top button